
O Concello de Muxía pon en marcha este outono o ciclo de teatro “Outono en Escena”, unha programación que se desenvolverá ao longo de toda a estación e que traerá á vila compañías de primeiro nivel do panorama galego. A iniciativa conta co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que facilita a chegada de propostas escénicas de gran calidade á nosa contorna.
A primeira cita terá lugar este sábado 4 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón do Voluntariado, coa representación de Tres vellas na Romaría, un espectáculo de narración oral de Producións Teatrais Excéntricas.
A obra está protagonizada por tres recoñecidos nomes da escena galega: Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez e Quico Cadaval, que darán vida a un espectáculo cheo de humor, memoria e tradición.
Sinopse
Tres vellas na Romaría mergúllanos nas festas e romarías de antes: bailes, milagres, devocións, humor e supersticións. A palabra viva cobra protagonismo nas voces destes tres grandes narradores, que recuperan a esencia popular co seu particular estilo.
Declaracións institucionais
O alcalde de Muxía, Javier Sar, destacou que “Outono en Escena nace co obxectivo de facer de Muxía un lugar onde a cultura teña un papel protagonista durante todo o ano. Queremos ofrecer espectáculos de primeiro nivel que sexan accesibles e que axuden a dinamizar a vida social e cultural da nosa vila”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Sandra Vilela, subliñou que “este ciclo é unha oportunidade para achegar o mellor teatro galego á veciñanza, promovendo o encontro, a reflexión e o goce colectivo. A cultura é un motor que reforza a identidade de Muxía e queremos seguir apostando por ela”.
________________________________________
Datos prácticos
• Espectáculo: Tres vellas na Romaría
• Compañía: Producións Teatrais Excéntricas
• Intérpretes: Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez e Quico Cadaval
• Día: Sábado, 4 de outubro
• Hora: 20:00 h
• Lugar: Salón do Voluntariado, Muxía
• Entrada: Libre ata completar aforo
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.