Thursday 02 de October de 2025

A Pobra licita a ampliación escola unitaria de Santa Cruz para dispor dun novo local para a veciñanza


· Actualmente, unha das aulas do centro está sendo empregada por unha entidade cultural que ten que solicitar a autorización pertinente á Inspección Educativa e ao Consello Escolar.

· O proxecto municipal buscará garantir a convivencia de ambos usos (o educativo e o social) co incremento da superficie útil.

Os veciños e veciñas, as comunidades de montes, as asociacións culturais e comisións de Santa Cruz de Lesón contarán, proximamente, cun espazo específico nas instalacións da escola unitaria. O Concello acaba de sacar a licitación as obras para ampliar a edificación do lugar da Granxa, garantindo que esta poida empregarse como punto de encontro, lecer e convivencia veciñal. O proxecto está impulsado pola Concellería de Participación Veciñal e ten un valor estimado de contrato de 103.346,81 euros.

A edificación actual ten unha antigüidade de 50 anos e foi executada como unha escola unitaria, un uso que aínda ten a día de hoxe. Dispón dunha superficie de 2.162 m2 distribuídos en dúas plantas e un módulo na fachada norte engadido posteriormente á estrutura orixinal.

Actualmente, unha das aulas do centro de ensinanza está sendo empregada por unha entidade cultural que ten que solicitar a autorización pertinente á Inspección Educativa e ao Consello Escolar. Porén, o proxecto municipal buscará, precisamente, garantir a convivencia de ambos usos (o educativo e o social) co incremento da superficie útil.

Unha vez rematados estes traballos, contarase cunha nova edificación ideal para acoller distintas actividades e para a celebración de reunións entre os veciños e veciñas. O proxecto incluirá, así mesmo, a creación dunha zona de despacho e de dous aseos.

Con estas actuacións, desde a Concellería de Participación Veciñal búscase, precisamente, estimular o movemento asociativo e garantir “que a parroquia poida contar cunha dependencia pensada para o encontro, a convivencia e o desenvolvemento de todo tipo de actividades culturais, educativas e recreativas”.

O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas estará aberto ata o 15 de outubro ás 23.59 horas. Unha vez se asine a acta de replanteo, as obras executaranse nun prazo de oito meses.

Deja un comentario