
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, interveu este mércores na apertura do Congreso Internacional ‘Estratexia de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático’, que a Universidade de Santiago acolle o 1 e o 2 de outubro.
Na súa intervención defendeu que “o verde e o azul son o eixo que debe configurar o deseño urbano e sobre o que debe xirar a habitabilidade das cidades e a súa sustentabilidade”.
“Entendemos e reivindicamos, porque xa non se pode ignorar, que a natureza non é un luxo, senón a infraestrutura esencial”, manifestou Goretti Sanmartín, que estivo acompañada polo concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez.
En concreto, a rexedora puxo o foco no proxecto “Entre Sar e Sarela” que está a desenvolver o Concello de Santiago co financiamento da Unión Europea a través da Fundación Biodiversidade e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Cualificou coma unha estratexia integral e “un proxecto ambicioso e pioneiro que busca renaturalizar a cidade desde as marxes ata o corazón, conectando o Anel Verde Exterior co tecido urbano”.
“Un exemplo claro disto é o Barrio Verde da Pontepedriña, un dos cinco ámbitos de actuación puntuais. Esta intervención transformará un espazo pensado para os coches, no que predominan os materiais duros, para convertelo nun auténtico corredor ecolóxico, no que a auga poida fluír e se creen camiños e espazos de estancia en conexión coa natureza”, dixo Sanmartín.
Na mesma liña, Xesús Domínguez, valorou que “Compostela é unha cidade que nunca se chegou a desconectar de todo da contorna natural” e defendeu que o Concello está a “deseñar unha estratexia local integrada, por primeira vez, nas directrices do ámbito galego, estatal e europeo” e que o está a facer dan man Fundación Biodiversidade, con colaboración europea e contando coa dirección científica que achega o Instituto de Biodiversidad Agraria y Desarrollo Rural (IBADER) e a propia Universidade de Santiago.
A alcaldesa concluíu que “Santiago está a camiñar cara a unha cidade onde o verde non sexa un paréntese, senón a frase principal. Onde cada árbore, cada zona de sombra, cada metro cadrado de solo permeábel sexa un acto de futuro. Un futuro onde vivir mellor e vivir con máis sentido. Un futuro verde”.
O acto inaugural tivo lugar no salón de actos do edificio Feuga e nel participaron tamén o reitor da USC, Antonio López: o director do IBADER, Pablo Ramil; a directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, María Jesús Rodríguez; e o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Luis de Salvador.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.