Thursday 02 de October de 2025

O Concello de Lousame aproba a súa nova organización municipal, con 3 dedicacións parciais e un custo menor co Goberno de 2023


A periodicidade das sesións plenarias mantense cada dous meses, pero cambia a hora e data de celebración de acordo cos tres grupos municipais: será o último xoves dos meses impartes, ás 20:00 horas

O Concello de Lousame celebrou na noite de onte martes a súa sesión plenaria organizativa, na que se deu conta da reorganización municipal tras o cambio na Alcaldía coa chegada de Esteban Ares García. Así, o Pleno aprobou por unanimidade o cambio nas datas de celebración dos plenos ordinarios, cuxa periodicidade mantense cada dous meses, pero que se adiantan ao último xoves dos meses impares, ás 20:00 horas (cando ata o de agora tiñan lugar o último venres dos meses impartes, ás 20:30 horas). Un cambio que foi consensuado previamente polo alcalde, Esteban Ares, cos voceiros da oposición.

Así mesmo, o Pleno aprobou o réxime de dedicacións para o Grupo de Goberno, que cambia con respecto ao exercicio anterior. Se ata o de agora había unha dedicación exclusiva para a Alcaldía e dúas parciais, agora o Concello de Lousame contará con tres dedicacións parciais: 33.500 euros para o alcalde e 23.500 euros para a primeira tenente de alcalde, Silvia Agrafojo, e o segundo tenente de alcalde, Ramón Martínez. Deste xeito, “o custe do novo Goberno municipal de Lousame será inferior ao anterior”, apuntou Esteban Ares. A proposta saíu adiante cos votos a favor de PP e PP e a abstención do BNG (cando hai dous anos a proposta de dedicacións contou cos 5 votos en contra dos grupos da oposición).

Organización do Goberno

Esteban Ares García presidirá a Xunta de Goberno Local, da que formarán parte os tres tenentes de alcalde: Silvia Agrafojo Filgueira, Ramón Manuel Martínez Rial e José Antonio Ces Barreiro, que asume a terceira tenencia de Alcaldía e se suma por primeira vez a estas sesión. A estrutura do Goberno queda organizada en dez grandes áreas, das que Esteban Ares asumirá as competencias propias da Alcaldía, Urbanismo, Persoal, Economía, Facenda e Tramitación Administrativa, e Relacións Veciñais. As outras áreas de xestión serán asumidas polos tres tenentes de alcalde:

– Silvia Agrafojo Filgueira, primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Xuventude e Educación e Cultura, con competencias en materia de Sanidade e Deportes.
– Ramón Manuel Martínez Rial, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Obras Públicas, Servizos Públicos, Alumeados, Telecomunicacións e Infraestruturas Viarias, con competencias nas áreas de Medio Ambiente e Medio Rural.
– José Antonio Ces Barreiro, terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade Viaria, Parque Móbil e Protección Civil

Pola súa banda, acordáronse dúas delegacións especiais, de forma que:

– Mariel Agrafojo Nieto será concelleira delegada de Deportes
– Yésica Fernández Miguéns, será concelleira delegada de Parques, Xardíns e Turismo.

Finalmente, os representantes do Concello de Lousame nos órganos colexiados serán:

– Comisión Escolar do CPI Cernadas de Castro: Silvia Agrafojo (titular) e José Antonio Ces Barreiro (suplente).
– Xunta de Goberno e Asemblea da Mancomunidade Serra do Barbanza: Esteban Ares García
– Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: Silvia Agrafojo (titular) e Esteban García (suplente).
– Consorcio Galego de Benestar, Esteban García (titular) e Silvia Agrafojo (suplente).
– Rede de Dinamización Lingüística, Esteban García (titular) e Silvia Agrafojo (suplente).

Neste punto, o grupo municipal socialista anunciou a súa intención de cambiar á súa representante na asemblea da Mancomunidade Serra do Barbanza, troco que deberá solicitar por escrito. Outras cuestións como as retribucións por asistencia a órganos colexiados, as comisións informativas, a formación dos grupos municipais e os representantes dos grupos da oposición nos órganos colexiados mantéñense igual ca na sesión organizativa de 2023, ao non haber cambios.

Deja un comentario