Friday 03 de October de 2025

O Teatro Rosalía de Castro acollerá este domingo o inicio da XX edición do Ciclo de Coros Galegos


A xornada comezará cun roteiro musical guiado por Xurxo Souto e no que participarán diferentes agrupacións corais

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na presentación do Ciclo de Coros Galegos, organizado por Cántigas da Terra e que conta coa colaboración do Concello. O evento, un dos máis estables na programación do folclore coruñés, cumpre vinte anos preservando e divulgando a tradición galega en xornadas e concertos nos que as diferentes manifestacións da cultura popular pasan polo escenario. Neste aniversario, a institución quere achegar a programación á cidadanía completando os habituais espectáculos do Teatro Rosalía de Castro cunha oferta variada de actividades paralelas.
“Desde o Goberno de Inés Rey amosamos unha vez máis o noso compromiso coa cultura galega e coas agrupacións e asociacións que a promoven na nosa cidade”, indicou Castro.

Este novo formato do ciclo estréase o próximo 5 de outubro coa primeira destas actividades: un roteiro musical conducido polo músico e escritor coruñés Xurxo Souto. Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), Toxos e Froles (Ferrol) e De Ruada (Ourense) acompañarán a Cántigas da Terra poñendo a música a un paseo polo casco vello no que o público poderá coñecer de primeira man a vinculación das formacións vocais coruñesas coa cidade e o seu patrimonio. O percorrido finalizará nas portas do teatro Rosalía de Castro, onde os catro coros históricos interpretarán conxuntamente unha obra. A programación continuará, xa dentro do teatro, coa estrea do Conxunto instrumental de Escolas da Terra, o proxecto educativo da entidade coruñesa.

A segunda xornada desta edición terá lugar na última fin de semana de outubro, e comezará cunha charla impartida polo filólogo Xosé Manuel Sánchez Rei (sábado 25, Fundación Luís Seoane) titulada “Aproximación ao cancioneiro tradicional da Coruña”. O domingo 26 a programación seguirá no Teatro Rosalía cunha mostra no clásico formato do Ciclo, onde Cántigas da Terra estará acompañado polos grupos Airiños de Fene e Armadanzas de Laraño.

O Ciclo de Coros Galegos pechará esta edición o 29 e 30 de novembro convidando á reflexión sobre o pasado e futuro das agrupacións corais, comezando coa palestra “Por outros cen anos de foliada!” do musicólogo Luís Costa (sábado 29, Fundación Luís Seoane) e un posterior faladoiro no que representantes de coros galegos, tanto históricos como de recente creación, debaterán sobre o papel destes en relación á música tradicional. A xornada de clausura terá lugar, unha vez máis, no Rosalía, onde o Coro da Rá compartirá cartel con Cántigas, amosando a vixencia do formato coral na música actual.

Deja un comentario