
A iniciativa, dirixida ao alumnado de primaria e secundaria, inclúe formación para o profesorado e un concerto final con participación de agrupacións corais e instrumentais de referencia
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá ‘Chorus’, un novo proxecto educativo e cultural impulsado polo Goberno municipal que ten como obxectivo fomentar a práctica do canto coral desde a etapa escolar, reforzando a formación en valores a través da música. A iniciativa está dirixida ao alumnado de 3º a 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO, e conta coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia, o Conservatorio Profesional de Música da Coruña e diversas agrupacións corais da cidade.
Durante a presentación, Inés Rey destacou que Chorus “representa o modelo de cidade que defendemos: unha Coruña que educa, que coida e que avanza. É un proxecto colectivo que implica ao profesorado, ao alumnado, ás familias e ás principais institucións culturais da cidade. A cultura e a educación pública son ferramentas fundamentais para garantir a igualdade de oportunidades e construír sociedade desde a base”.
A iniciativa contempla, como parte esencial do programa, un seminario formativo para o profesorado baixo o título ‘Seminario intercentros de dirección de coral infantil’, impartido por Fernando Briones, catedrático do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Esta formación, coordinada co CFR, terá carácter homologado e comezará cunha sesión inicial o 11 de outubro, seguida doutras catro xornadas de preparación coral co alumnado, os días 18 de outubro, 8 e 22 de novembro, e 20 de decembro, no auditorio do Conservatorio Profesional.
O alumnado dos centros participantes preparará un repertorio coral conxunto que culminará no Concerto pola Paz, previsto para o domingo 11 de xaneiro de 2026 no Coliseum da Coruña. Nesta cita participarán a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Xove, o Coro Xove da OSG, o Coro Infantil do Conservatorio Profesional, o Coro MiniGaos, o Coro Gaos Xove e o Coro Gaos. Será ademais a primeira vez que as dúias formacións orquestrais da OSG actúen conxuntamente nun proxecto educativo deste alcance. O repertorio, en preparación, incluirá temas recoñecibles e de forte carga simbólica, con referencias a Disney, Coldplay ou The Greatest Showman.
O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, sinalou que “Chorus é un dos proxectos máis bonitos e ambiciosos que pode ter unha cidade como A Coruña. Queremos montar o maior coro de voces infantís e xuvenís para lanzar unha mensaxe clara: a Coruña canta pola paz”.
A alcaldesa quixo agradecer de forma especial o compromiso das persoas e institucións implicadas no deseño e desenvolvemento do proxecto, destacando a colaboración de Juan Antonio Cuéllar, xerente do Consorcio para a Promoción da Música; Fernando Briones, director artístico de Chorus; Emilio Veiga, director do Centro de Formación e Recursos; e Antonio Facal-Rivas, director do Conservatorio Profesional de Música da Coruña. Tamén tivo palabras de recoñecemento para o profesorado, os centros educativos e o alumnado que se sumarán a esta iniciativa coral pola paz.
O Concello da Coruña prevé consolidar esta iniciativa como unha cita anual a partir de 2026, e comprométese a garantir os recursos necesarios para a súa continuidade dentro da estratexia municipal de impulso á educación musical e á formación en valores entre a infancia e a mocidade. Toda a información e os formularios de inscrición atópanse dispoñibles na web www.coruna.gal/educacion.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.