
A asociación Somos Marines, que cumpriu este ano o seu quinto aniversario, visibilizou hoxe as camisetas oficiais desta nova edición
A Coruña vive xa a conta atrás de cara á realización da carreira popular C10, que volverá saír ás rúas da cidade este domingo con máis de 3.500 persoas inscritas e, entre elas, nomes destacados do atletismo nacional, como Jesús Olmos, Lidia Campo, Ester Navarrete e Cristian Martínez, que confirmaron estes últimos días a súa participación na cita.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou o percorrido e palmarés dos atletas elite que estarán na Coruña este domingo. Olmos foi campión de España no 10K absoluto dos anos 2019 e 2021, mentres que Lidia Campo proclamouse campioa de España de 10 quilómetros en ruta no Campionato nacional de Crevillente do ano pasado.
A eles súmanse Cristian Martínez, do equipo VickyFoods Athletics, e a galega Ester Navarrete, figura que gañou o ouro europeo de maratón por equipos no Campionato de Europa realizado en Bélxica en abril deste ano. O currículo de Navarrete non remata aí, porque tamén participou nos Xogos Olímpicos de París do ano pasado e rematou o maratón no posto 42 da clasificación final. Foi o seu primeiro maratón olímpico, que completou nun tempo de 2:32:07.
Ademais, na C10 tamén está previsto que compita o atleta Ismail Atriki, gañador da Cursa de la Mercè, en Barcelona, na edición do ano pasado.
Todas e todos eles estarán entre as persoas participantes que tomarán a saída na carreira absoluta do domingo, que arrincará ás 10.00 horas desde a avenida de Montoto e con percorrido posterior polos Cantóns, Linares Rivas, avenida do Exército, a estrada do peirao de San Diego e, xa a continuación, volta polo interior dos peiraos e regreso ao Parrote a través dos Cantóns, un circuito organizado polo Concello e a Federación Galega de Atletismo.
A asociación Somos Marines, embaixadores desta nova edición
As persoas inscritas na C10 deste domingo 5 de outubro poderán recoller a súa camiseta, o correspondente dorsal e a bolsa de corredor tanto este venres 3 de outubro (das 17.00 ás 21.30 horas) como o sábado 4 de outubro (das 10.00 ás 21.30 horas), no departamento de Deportes de El Corte Inglés (rúa Ramón y Cajal). Tamén se poderán recoller, excepcionalmente, o propio día da carreira, no Parrote.
Neste sentido, e co obxectivo de visibilizar o deseño desta nova edición da carreira, as primeiras camisetas desta C10 vestíronas hoxe as/os deportistas que integran a asociación Somos Marines, un colectivo sen ánimo de lucro que utiliza o lecer e o deporte adaptado como ferramentas de inclusión social.
Hoxe pola tarde, integrantes dos Marines recibiron as súas camisetas desta edición de cara á proba do domingo, na que volverán participar e seguirán derrubando barreiras. A entrega das camisetas ao colectivo coruñés dáse, ademais, nun contexto moi especial, xa que os Marines cumpriron este ano o seu quinto aniversario desde a súa fundación.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.