Thursday 02 de October de 2025

O Plan de barrios avanza con novas actuacións no Castrillón, onde hoxe comezou a urbanización dun soar entre as rúas Antonio Ríos e Cerca


O Concello remodelará esta superficie sen acondicionar e creará unha pequena praza con áreas verdes. Tamén se mellorará a accesibilidade na súa contorna, coa construción de novas beirarrúas

O Concello avanza estes días coa folla de ruta do Plan de barrios 2025-27, con máis de 30 intervencións de mellora xa en marcha e que agora suma unha nova actuación no Castrillón, onde hoxe arrincaron as obras de urbanización do soar existente entre as rúas Antonio Ríos e Cerca.

A remodelación e recuperación desta superficie foi, desde hai anos, unha das principais demandas da veciñanza do barrio. Agora, o Goberno de Inés Rey promove a reconfiguración desta parcela, onde se lle dará forma a unha pequena praza que contará con áreas verdes e, ademais, novo mobiliario urbano.

Entre as medidas destacadas tamén están as melloras de accesibilidade que aparellará o acondicionamento do soar, carente de beirarrúas ao seu arredor, coas dificultades que entrañaba isto en materia de mobilidade peonil. Agora, non só se construirán as beirarrúas e se conectarán cos treitos existentes na Cerca e Antonio Ríos, senón que tamén se aproveitarán os traballos para adaptar os cruzamentos e pasos peonís próximos, reforzando a seguridade viaria.

O plan de obra para intervir no soar arrincou onte coa instalacións dos valados, as casetas de traballo e a progresiva chegada de materiais. Será xa estes días cando sexan visibles as primeiras intervencións sobre o terreo, coa previsión de que se actúe nas redes de saneamento para acometer a súa renovación.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, apuntou á necesidade de intervir nesta parte do barrio, onde hai pendentes moi pronunciadas como a da travesía da Cerca ou a de Vaamonde Lores. “O Castrillón conta cunha alta porcentaxe de veciñas e veciños en idades avanzadas e, dentro do posible, estamos a actuar para mellorar a accesibilidade e gañar espazos públicos de calidade, dando resposta a demandas que veñen de lonxe. No caso da urbanización deste soar falamos de décadas de agarda”, indicou Díaz Gallego.

O edil lembrou que, en paralelo a esta actuación, o Concello ten en fase de licitación as obras para urbanizar a praza José María Hernansáez, onde se investirá un millón de euros para humanizar unha superficie sen acondicionar e que, en base ao acordado coas veciñas e veciños este mesmo ano, pasará a ser unha praza con percorridos peonís, arboredo, áreas verdes e mellores conexións e accesos aos bloques residenciais da súa contorna.

Deja un comentario