Thursday 02 de October de 2025

A Xunta de Goberno aproba subvencións por preto de 186.000 euros para a rehabilitación de edificios en Vista Alegre


Luz verde ao expediente do contrato mixto para a Cabalgata de Reis cun orzamento base de preto de 436.000 euros.

A voceira municipal, Míriam Louzao, compareceu en rolda de prensa este luns para informar dos principais asuntos aprobados na Xunta de Goberno local.

Aprobouse a concesión definitiva de tres subvencións por un importe total de 185.668,32 euros para a rehabilitación de comunidades e edificios incluídos na zona de rehabilitación integral de Vista Alegre e correspondentes á convocatoria de 2022, unha vez realizadas e xustificadas as obras. En concreto, son as relativas aos seguintes edificios:

Avenida de Castelao, 2, cun importe de 9.659,21 €
Rúa do Bispo Diego Peláez, 7, cun total de 76.163,16 € de axuda
Rúa de Santa Uxía de Ribeira, 4, cun total de 99.845,95 €
Mirian Louzao tamén deu conta da concesión de catro licenzas de obra maior.

Unha delas, para a construción dunha nave destinada a venda e almacenamento de produtos hortofrutículas na rúa de Castela León, 33, no Polígono da Sionlla, cunha superficie de 1.451,98 m2 en dous andares.

Outra, para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar no Camiño Real de Angrois, 32.

A terceira, para a reforma interior dun piso no edificio situado na rúa dos Basquiños, 36.

E finalmente, para a colocación dun sistema de illamento térmico exterior ao edificio situado na Carballeira de San Lourenzo, 38-39.

“Como é habitual, a Xunta de Goberno, acordou tamén presentarse no procedemento xudicial promovido pola propiedade contra a cancelación da inscrición no Rexistro de actividades turísticas da Xunta de Galicia dunha vivenda de uso turístico na rúa de Tras Salomé”, engadiu.

Subministración do mobiliario do CIPIS

Entre os asuntos relativos á contratación, a Xunta de Goberno aprobou o expediente para licitar a subministración do mobiliario do Centro Integral para a Inclusión Social (CIPIS).

Esta subministración conta cun orzamento base de licitación de 48.396 euros (IVE incluído) e distribúese en tres lotes: I. aloxamento e baños; II. oficinas e zonas comúns; III. cociña e comedor.

A portavoz detallou que a continuación se abrirá o procedemento aberto e simplificado para a súa adxudicación, a través da Plataforma de Contratos do Sector Público.

Cabalgata de Reis

“Tamén, de acordo co previsto no plan de contratación e na liña de regularizar estes procedementos e convocar licitacións abertas e globais, aprobouse o expediente do contrato mixto para a Cabalgata de Reis”, indicou Louzao. Inclúe dous lotes: o primeiro para a organización e produción do evento e o seu contido artístico e o segundo para a subministración de carrozas en réxime de alugueiro.

O orzamento base para esta licitación ascende a 435.807,54 €, imputado a esta anualidade e á de 2026 e distribuído a razón de 330.817, 46 para o lote I e 104.990,08 € para o lote II (todos estes importes co IVE incluído).

Por outra parte, aprobouse o contrato para a subministración de gas para calefacción das dependencias municipais, baseado nun acordo marco da FEMP. O gasto para este concepto limítase a 136.500,00 € (IVE incluído).

Tamén se adxudicou o seguro para a flota de vehículos do Concello de Santiago de Compostela, contratado tamén ao abeiro do acordo marco da FEMP, á empresa OCCIDENT GCO SOCIEDAD ANONIMA DE SEGUROS Y REASEGUROS que presentou a mellora oferta cunha prima total de 27.843,05 € (IVE incluído).

Así mesmo, a Xunta de Goberno autorizou a proposta para a contratación dun préstamo a longo prazo por importe de 2.517.539,82 euros destinado a financiar os investimentos e as transferencias de capital que corresponde executar segundo as previsións orzamentarias para este exercicio.

Convenios con entidades

En relación coa colaboración con entidades, aprobouse o texto do convenio coa Xunta de Confrarías de Semana Santa, á que se asigna unha subvención nominativa de 3.000 euros. Tamén o destinado á Feira de Emprendedoras da Cormarca de Compsotela, acordado coa Universidade de Santiago de Compostela cun importe de 20.000 euros.

Asemade, aprobouse o convenio coa Federación Galega de ANPAS de Centros Públicos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria “Compostela” (FANPA COMPOSTELA) para a promoción de actividades e fomento da escolarización nos centros de educación infantil e primaria do Concello, cunha dotación de 20.000 euros.

Este convenio inclúe a cobertura ao novo servizo de comedores nas escolas unitarias da zona rural, a Escola do Gaioso (O Eixo), a Escola do Rial (Laraño) e a Escola Bispo Teodomiro (Marrozos).

Este novo servizo escolar facilitaralles ás familias do rural manter a escolarización na súa zona contando con opcións de conciliación igualitarias ás do resto de centros. “Entedemos que esta medida é unha importante axuda para as familias que opten por este modelo de escola integrada na contorna rural e en contacto co seu contexto social e natural e, á vez, contribúe a que estes centros continúen cheos de vida”, manifestou Míriam Louzao.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a modificación das bases reguladoras para a ampliación da data límite de xustificación das subvencións para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante o ano 2025 ás asociacións veciñais. Deste xeito, amplíase o prazo do día 9 ao día 31 de outubro deste ano.

Imposto ás estadías turísticas

En resposta a preguntas dos medios, a portavoz do goberno local confirmou que o Concello presentará este luns alegacións ao recurso contencioso-administrativo interposto contra a ordenanza fiscal que regula imposto de estadías turísticas. “Entendemos que non concorren os requisitos para a suspensión que se solicita e que non hai ningunha cuestión que evite que este mércores entre en vigor ese imposto”, afirmou.

Deja un comentario