
Inés Rey: “Francisco Miguel regresa hoxe á súa cidade como memoria viva, como símbolo da Coruña fronte á barbarie”
O Concello acolleu un acto institucional e, posteriormente, celebrouse unha cerimonia fúnebre aberta á cidadanía en San Amaro
A Coruña rendeu este luns homenaxe ao pintor Francisco Miguel Fernández Díaz, quen fora asasinado en Oleiros a mans das forzas fascistas no ano 1936 e cuxos restos mortais foron exhumados no ano 2023 no cemiterio de Bértoa (Carballo). O salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita acolleu un acto institucional presidido pola alcaldesa, Inés Rey, no que se lle rendiu homenaxe ao artista no salón de plenos coa presenza de membros do Goberno municipal, corporación municipal e personalidades do mundo da cultura e da recuperación da memoria histórica. Posteriormente, celebrouse unha cerimonia fúnebre no cemiterio municipal de San Amaro, onde os restos mortais do artista coruñés descansan desde este luns.
“Francisco Miguel regresa hoxe á súa cidade como memoria viva, como símbolo da Coruña fronte á barbarie, fronte ao odio fascista que, por desgraza, segue a asomar en diferentes partes do mundo, e que debemos combater cada día, con firmeza e convicción, cara a un futuro mellor”, sinalou Inés Rey. “A memoria é xustiza restitutiva, a cultura é democracia e progreso, e a verdade nunca poderá ser soterrada de maneira definitiva”, engadiu a alcaldesa, que agradeceu a presenza en María Pita dos alcaldes de Carballo e Oleiros, Evencio Ferrero e Ángel García Seoane.
Este homenaxe enmárcase dentro das actividades xa iniciadas coa inauguración, a comezos de mes, da exposición dos debuxos do artista na Casa Museo Casares Quiroga. Conta coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), así como doutras asociacións e entidades da cidade, do grupo de investigación sobre a súa vida e obra, da escritora Syra Alonso e da Deputación da Coruña, que promove tamén charlas arredor da figura de Francisco Miguel e de Syra Alonso.
Francisco Miguel naceu na Coruña en 1897. Foi pintor, ilustrador, crítico de arte e libreiro, cunha traxectoria vencellada á vida cultural da cidade e aos movementos artísticos europeos e americanos. Entre 1921 e 1933 residiu en París, Cuba e México, onde mantivo relación con figuras como Diego Rivera, Frida Kahlo e David Alfaro Siqueiros. De regreso a Galicia, asentouse en Oleiros, onde foi detido e asasinado o 29 de setembro de 1936 en Queo de Arriba (Carballo).
A cerimonia celebrada en San Amaro contou coa participación da Banda Municipal de Música da Coruña, que interpretou obras de compositores galegos como Marcial del Adalid, Juan Montes, Andrés Gaos e Chané, así como unha peza de Edward Elgar. Tamén tivo lugar unha ofrenda simbólica de cunchas de viraventos. A homenaxe contou coa presenza de familiares do artista, desprazados desde México para recibir os seus restos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.