
O Pleno toma coñecemento das renuncias de Teresa Villaverde á súa acta de concelleira e de Tomás Pedrosa, nº 7 da lista do PPdeG, polo que será substituída por Yésica Fernández Miguéns
A unanimidade caracterizou a primeira sesión plenaria ordinaria dirixida por Esteban Ares García como novo alcalde do Concello de Lousame. Un pleno no que se aprobaron dúas mocións por unanimidade, presentadas por PP e PSOE, e mesmo aprobouse como moción institucional unha proposta socialista co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas.
A sesión, celebrada o pasado venres 26 de setembro, comezou coa toma de coñecemento da renuncia de Teresa Villaverde á súa acta de concelleira polo PPdeG, presentada o pasado 18 de setembro tras o Pleno de elección do novo alcalde. Así mesmo, a secretaria municipal informou da renuncia tamén do número 7 da lista do PPdeG, Tomás Pedrosa, a aceptar a acta, polo que a acta será cuberta por Yésica Fernández Míguens, número 8 do PPdeG e que xa formara parte da corporación municipal no mandato 2019-2023, como concelleira de Sanidade e Protección Civil.
Lumes forestais
Na quenda de mocións, o Pleno aprobou por unanimidade unha presentada polo Partido Popular de apoio á toma de medidas contra os lumes forestais na que insta á Xunta de Galicia a resolver con celeridade a concesión de axudas ás familias e empresas afectadas pola vaga de lumes dos pasados meses e solicítalle tanto á administración autonómica como central a posta en marcha de medidas de protección e recuperación medioambiental para as zonas afectadas. Ademais de pedir o fortalecemento dos programas de prevención, o grupo municipal do PPdeG instou a pedir a instalación dunha base da UME en Toén.
O voceiro socialista, Juan José Prego, amosouse “de acordo coa proposta de acordo, non coa exposición de motivos”, polo que garantiu o voto a favor da súa formación á moción. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Anxo Moledo, propuxo a incorporación de novos puntos na moción. Todos eles foron aceptados, con excepción da solicitude da prohibición de plantación de eucalipto xa que, como lle lembrou o propio alcalde, “é algo máis complexo que botarlle a culpa aos eucaliptos, sobre todo cando este ano precisamente houbo ben pouco deles”.
Porén, a instancias do BNG, a moción final insta tamén á Xunta de Galicia a concretar as medidas de apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes, a mellorar as condicións laborais dos traballadores dos servizos de loita contra os lumes e a duplicar o presuposto para prevención de lumes.
Explotación sexual
Acto seguido, o Pleno aprobou como moción institucional unha proposta do PSdeG con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Así, a secretaria municipal deu lectura a un texto no que se pide a abolición da prostitución e se insta ao Concello de Lousame a seguir impulsando políticas de loita contra a explotación sexual e a prostitución, así como a realización de campañas ou iniciativas de concienciación na materia.
Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade unha segunda moción socialista na que se lle solicita á Xunta de Galicia a reactivación das concentracións parcelarias forestais de terreos de propiedade privada, a promoción do uso sostible dos montes, a impulsión de programas de formación para as persoas propietarias e a posta en marcha de mecanismos de claridade para acometer estas parcelarias. Os socialistas entenden que esta regulación facilitará a limpeza das fincas.
Esteban Ares amosouse de acordo coa proposta, xe ben advertiu que “o que piden é técnica e lexislativamente difícil. Vexo que é unha moción difícil de cumprir, pero no fondo non me parece mal”
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.