Así o explicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias na Comisión 7ª do Parlamento, onde anunciou ademais a posibilidade de incorporar axudas de mínimis para o sector neste 2016
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo balance esta mañá dos apoios cos que contou o sector cunícola nos últimos anos e neste eido, as achegas da Consellería do Medio Rural foron de 3,3 millóns de euros dende o 2007 das que se beneficiaron 126 proxectos, ben nos que se incorporaban mozos ou para plans de mellora. Isto supuxo un investimento total de 6,7 millóns no agro.
No primeiro caso, foron 43 expedientes os que se beneficiaron de axudas da Xunta por valor de 976.423 euros e outros 83 melloraron as explotacións con achegas de 2,3 millóns. Ademais destas axudas, Do Campo resaltou outro importante proxecto cun investimento de 3,5 millóns de euros para un centro de recría que recibiu unha achega de 1.277.000 euros da Consellería.
A directora xeral incidiu na necesidade de colaborar con este sector que está pasando por un mal momento debido á caída dos prezos motivada por varios factores como o proceso de concentración dos sacrificios de coellos, o que reduce a capacidade de negociación, a constante presión da baixa das cotizacións por parte da distribución e incluso o prezo das peles. Neste senso, Do Campo anunciou que se está a estudar facer un esforzo, a petición do sector, para a incorporación de axudas de mínimis para este ano 2016.
Esta iniciativa se sumaría a outras como a adaptación do Programa de Desenvolvemento Rural para que estas explotacións poidan acceder ás axudas para adaptar ás súas instalacións. Ademais, existen achegas para a moratoria dos préstamos que as granxas tiñan contratados con entidades financeiras vinculados coa mellora de explotacións ou a incorporación de mozos á actividade agraria.
Por outra banda, a Consellería do Medio Rural comprometeuse co sector en levar a cabo unha promoción do consumo de carne de coello, dentro dunha campaña de publicidade da carne galego e a estudar o incremento da porcentaxe de axuda que aporta o Goberno galego para a retirada de cadáveres. Tamén a petición dos produtores, a Xunta está a mediar con Madrid para que o Ministerio de Agricultura axilice a modificación do Real Decreto que permite a matanza domiciliaria e a creación dunha Organización de Produtores.
Respecto ao lácteo, a directora xeral de Gandaría insistiu en que non é certo que Galicia estea estancada, moi ao contrario, dende o ano 2012 non deixou de crecer a produción de leite, en parte debido a que as grandes explotacións, de máis de 700.000 quilogramos de leite ao ano aumentan un 205%. En canto ao prezo, dende o mes de xullo de 2015 segue unha tendencia lixeiramente alcista, pasando de 27,6 céntimos a 28,8 en xaneiro deste ano.
Carnés fitosanitarios
Tamén o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, interveu na comisión 7ª para aclarar a nova normativa do uso de produtos fitosanitarios. Neste senso, insistiu en que non variou a clasificación de persoas que teñen que estar en posesión deste carné, só os usuarios profesionais e vendedores de fitosanitarios o requiren e non os particulares. Estes dispoñen dunha listaxe de produtos específica para uso doméstico.
Respecto á oferta de cursos para os profesionais, Fernández-Couto sinalou que só neste primeiro semestre do ano hai aprobados 659 cursos, 368 deles realizaranse a través da propia Consellería e outros 291 en colaboración con outras entidades de formación agroforestal autorizadas. En total chegarase a 14.000 persoas.
O director xeral insistiu na importancia de que os centros que imparten os cursos conten coa autorización pertinente. A día de hoxe existen máis de 40 entidades certificadas para poder impartir formación de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios.
Eucalipto
Preguntado polas plantacións de eucalipto en Galicia, Fernández-Couto explicou que a superficie arbórea que ocupa esta especie en Galicia é de 280.000 hectáreas fronte as 400.000 de piñeirais e outras 420.000 de masas de frondosas autóctonas. Ademais hai 320.000 hectáreas variadas das que a metade representan mesturas de eucalipto con frondosas ou eucalipto con piñeiros, polo que “se demostra que as masas de frondosas non están en perigo”.
O director xeral lembrou ademais que hai 20 anos que non existen axudas públicas para a plantación de eucaliptos, pero que estas se seguen a producir, seguindo a normativa pertinente, porque supoñen unha importante fonte de recursos para os propietarios dos terreos.