Thursday 02 de October de 2025

Belén do Campo acompaña aos maiores da Residencia Torrento Ballester no inicio da Campaña de Vacinación fronte á gripe e á covid-19


 As persoas residentes nos centros de maiores e de discapacidade, así como os profesionais que traballan nestas institucións, serán os primeiros en vacinarse

 O obxectivo da Consellería de Sanidade é acadar unha taxa de vacinación infantil e mulleres embarazadas arredor do 60 % e do 75 % en canto a maiores de 60 anos e persoal sanitario

 Tras os bos resultados do pasado ano, a Xunta volve apostar pola inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS)

 Galicia conta co calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo e as mellores taxas de cobertura fonte a gripe a nivel nacional

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañou hoxe aos residentes do centro de maiores Torrente Ballester da Coruña no inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19 dirixida a este colectivo. A delegada agradeceu o traballo dos profesionais sanitarios nesta campaña e amosouse orgullosa dos excelentes resultados que melloran cada ano polo compromiso de todas as partes implicadas en Galicia. En total na cidade da Coruña está prevista a vacinación en 24 centros e en total 73 da área sanitaria Coruña-Cee. Terán acceso á vacinación na cidade da Coruña 1.509 residentes e dun total na área sanitaria Coruña-Cee de 4.116. Tamén se vacinarán aqueles sanitarios destes centros que o soliciten.
A representante do Goberno autonómico animou a toda a poboación a participar nesta nova campaña na que se incidirá na protección fronte á covid-19, á gripe e tamén na inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), dada a importancia que posúe a inmunización para previr posibles complicacións na aparición de enfermidades.
Segundo sinalou a delegada o obxectivo da Consellería de Sanidade é acadar unha taxa de vacinación infantil e mulleres embarazadas arredor do 60 % e do 75 % en canto a maiores de 60 anos e persoal sanitario.
As persoas residentes nos centros de maiores e discapacidade, así como os profesionais que traballan nestas institucións, son os primeiros en vacinarse nesta nova campaña que se inicia hoxe.
Un ano máis, o Goberno galego márcase como obxectivo incrementar as taxas de vacinación en toda a poboación, especialmente, no caso da inmunización fronte á gripe do persoal sanitario, dos nenos, das mulleres embarazadas e das persoas con condicións de risco. Neste senso a delegada destacou que “Galicia conta co calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo e as mellores taxas de cobertura fronte a gripe a nivel nacional”.

Novidades
A campaña 2025-2026 presenta, como principais novidades, a ampliación da cobertura antigripal nos maiores e na infancia e que non se habilitarán grandes recintos.
Polo que respecta ás persoas maiores, Belén do Campo apuntou que a Xunta decidiu administrar a vacina antigripal de alta carga tamén ao grupo de idade de 70 a 79 anos despois de que o ensaio clínico Galflu demostrara que reduce as hospitalizacións por gripe case nun 32 % en comparación coa vacina estándar.
Do mesmo xeito, os maiores de 80 anos, os residentes en centros sociosanitarios e persoas inmunodeprimidas seguirán a recibir as doses reforzadas contra a gripe como ata agora.
Vacinación en centros de saúde
Belén do Campo tamén lembrou que esta campaña non será preciso recorrer á habilitación de grandes recintos e a organización da vacinación realizarase exclusivamente a través da rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, cos centros de saúde como puntos principais.
Os cidadáns serán citados por mensaxe sms de forma proactiva as persoas desde 60 anos e os nenos desde os 6 meses aos 11 anos, agás aqueles que participen no programa piloto de vacinación escolar.
O resto de grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da App Sergas Móbil.
Belén do Campo destacou compromiso da cidadanía galega coa vacinación e que quedou demostrado na última campaña, na cal Galicia volveu ser líder nas taxas de cobertura tanto en gripe como en covid. De feito, a taxa de vacinación da gripe en maiores de 65 anos en Galicia foi dun 71 %, fronte ao 58,4 % en España; e dun 65,7 % na vacinación infantil, superando con creces o 48,1 % da media estatal.
Vacinación nenos
Belén do Campo tamén destacou que nesta campaña o Goberno galego decidiu ampliar a vacinación da gripe a nenas e nenos de ata os 11 anos, administrando a vacina por vía intranasal, despois da boa acollida que tivo a pasada campaña ao evitar a picada. A vacinación infantil fronte á gripe comezará o 13 de outubro nos centros de saúde.

Programa piloto vacinación escolar
Ademais, o Goberno galego porá en marcha un programa piloto de vacinación escolar. A partir do 13 de outubro, iniciarase nun centro galego e a partir do 14 de outubro vacinarase no resto de colexios participantes no programa piloto. Este programa que busca chegar a 19.000 nenos. Trátase dunha iniciativa conxunta das consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e FP que ten o obxectivo de seguir consolidando a posición dianteira que ten Galicia en materia de prevención ao contar co calendario de vacinación máis completo do mundo.
Nos colexios seleccionados e de forma voluntaria vacinarase aos alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. O obxectivo é acadar unha cobertura do 70%” entre os nados entre 2014 e 2022, matriculados nos centros incluídos no programa piloto. En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.
O feito de que se aplique a vacina fronte á gripe por vía intranasal, que evita o pinchazo, facilita a loxística da actuación. Para iso, os equipos de enfermería das sete áreas sanitarias desprazaranse aos colexios participantes para a administración da vacina intranasal nas propias instalacións dos centros.
A finalidade última, de acordo coa campaña xeral de inmunización fronte á gripe, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, tentando minimizar o impacto na saúde deles mesmos, das súas familias e de toda a poboación, mediante a prevención coa rotura da cadea de transmisión.
Ademais, en cada un dos centros participantes organizará reunións, a partir de hoxe, coas familias e co equipo de enfermería para informar, resolver dúbidas e entregar a folla informativa e a autorización para a vacinación. As familias deberán asinar o consentimento para a vacinación do seu fillo e entregala no centro. Antes de proceder á inmunización, os equipos de enfermería recompilarán a información sobre a historia clínica dos rapaces autorizados a recibir a vacina intranasal fronte á gripe.
Concretamente, planificáranse as reunións informativas para pais, nais, titores, previas ao comezo da vacinación nos centros seleccionados, hoxe luns 29 setembro, martes 30 setembro e mércores 1 de outubro en horario de tarde acordado cos directores dos devanditos centros. Acudiran persoal de dirección de enfermería e os equipos específicos de enfermería que van vacinar en cada centro.
O piloto realizarase nun total de 55 centros en Galicia, seleccionados para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias, dos cales 22 son na provincia da Coruña. En concreto, 9 centros pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee, o CEIP Eusebio da Guarda, CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho e CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha); CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos); CEIP Fogar (Carballo); CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo); e CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros) ofrecen a vacinación voluntaria a 5.325 nenas e nenos.
Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza son 11 os colexios participantes no programa piloto de vacinación nos centros escolares son: CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada); EEI do Milladoiro (Ames); CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa); CEIP Xesús Golmar (Lalín); CEIP Plurilingüe O Coto (Negreira); CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes); CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso); CPR Plurilingüe Nosa Señora Inmaculada (Santa Comba); CEIP das Fontiñas e CPR Plurilingüe La Salle (Santiago de Compostela); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda). En total, ofrecerase a posibilidade de vacinarse a 3.675 alumnas e alumnos,
Na área sanitaria de Ferrol os centros educativos participantes no programa son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, ambos no concello de Ferrol.
Protección contra a bronquiolite
En canto a virus estacionais, a Xunta iniciou xa o luns 22 de setembro a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) a bebés directamente nos hospitais onde nazan a partir desa data e ata o fin da campaña en marzo.
Ademais, serán citados os menores de seis meses para recibir a inmunización xa que reduce o número de hospitalizacións dos lactantes. En total, o ano pasado en Galicia administrouse a máis de 12.700 nenos.

Deja un comentario