
· A meirande parte procederon do ámbito nacional, malia que tamén se recibiu a persoas de países como Francia, Irlanda, Países Baixos ou Bélxica.
· O programa de actividades da Concellería tivo unha moi boa acollida, reunindo a 1.361 participantes.
A Pobra do Caramiñal continúa consolidándose como un dos destinos emerxentes da ría de Arousa. Así o confirman os datos rexistrados, ao longo do verán, desde a Oficina de Turismo municipal. Nos meses de xuño, xullo e agosto foron 3.465 as persoas que fixeron uso desta instalación, realizando un total de 802 consultas ao persoal traballador. Trátase dun número elevado e que reafirma a tendencia de crecemento que o municipio está experimentando en canto ao turismo. Tanto é así, que con respecto ao 2024, este indicador subiu máis dun 6%.
A concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, valora estes números, que referendan a capacidade da Pobra “para seguir medrando no que a visitantes se refire”. Como apunta a edil, na época estival foron “moitos os turistas de ámbito nacional e internacional que elixiron o noso concello para as súas vacacións e iso débese, non só á nosa historia, patrimonio e natureza, senón tamén á programación turística que ofrecemos todos os anos”.
Perfil do visitante
Como se extrae destes números, o perfil das persoas visitantes foi moi variado, presentando diferentes orixes, intereses diversos e distinguíndose, así mesmo, dous tipos de estadías, as de paso e as prolongadas.
En canto á procedencia, a maior parte viñeron do ámbito nacional, cos visitantes de Madrid á cabeza das estatísticas. A continuación, despuntaron os de País Vasco e Castela e León. Con todo, pese á que a tendencia prioritaria foi nacional, na Pobra rexistráronse visitas de cidadáns de Francia, Irlanda, Holanda ou Bélxica.
Por outra banda, atendendo ás consultas atendidas na Oficina de Turismo, o coñecemento da Pobra e da contorna máis próxima foi a temática central máis recorrente. Deste xeito, moitas das preguntas estiveron relacionadas con cuestións vinculadas ao patrimonio local, o mar, a gastronomía e o sendeirismo. Así mesmo, outras dúbidas foron sobre as actividades da propia Concellaría e doutras de tipo cultural, rutas de sendeirismo e viaxes ás Illas do Parque Nacional. Por último, recolléronse tamén peticións específicas como, por exemplo, o proceso de selado do Camiño en kaiak.
Unha programación completa
A Concellería de Turismo organizou, na época estival, un amplo e variado programa para visitantes baixo o título ‘A Pobra do Caramiñal: vive a experiencia’. Entre as propostas programadas houbo viaxes en veleiro, ruta do mexillón, turismo mariñeiro e visitas guiadas ao río das Pedras que reuniron a un total de 835 persoas participantes. No referente ás viaxes ás illas do Parque Nacional, saíron desde A Pobra do Caramiñal 526 persoas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.