
O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, reivindica o empoderamento e a igualdade de dereitos para as mulleres que vivimos no rural, onde os desequilibrios sociais e económicos por razón de xénero son aínda máis acentuados que nas cidades.Con motivo desta data, a área de Igualdade organizou varias actividades co obxectivo de destacar que as mulleres somos fundamentais para manter o xeito de vida do noso rural todos os días do ano. A primeira das citas deste programa é a exposición “Primixenias”, da cesteira Luisa da Silva e a oleira Carme Romero, que pode visitarse de luns a venres en horario de mañá e os venres tamén pola tarde. Ademais, o pasado día 18 tamén se programou na Casa da Cultura a xornada “Transmitindo sabores e saberes” onde varias das produtoras do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla nos falaron sobre a súa experiencia. Porén, aínda hai máis cousas previstas, entre as que destaca a volta do programa Tempos para compartir cun obradoiro ben saoboroso.
E é que o sábado 11 de outubro a partir das 17:30h, a hostaleira xubilada Julia Gudín González, que rexentou na Cruz da Raíña o Bar Marcial, ensinaranos a facer a chanfaina ao xeito tradicional de Bardaos. Unha receita que se mantivo inalterable pasando principalmente de nais a fillas de xeración en xeración. Neste obradoiro queremos darlle valor aos saberes dos que fomos depositarias as mulleres de San Sadurniño, auténticas gardadoras e trasmisoras do noso patrimonio cultural.
O obradoiro ofrece 12 prazas gratuítas que se poden reservar chamando ao 695 876 178 ou enviando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal.
O Concello pretende recuperar a periodicidade mensual do Tempos para compartir e, nese sentido, calquera persoa interesada en mostrar o que saiba facer -cociña, manualidades, traballos actuais ou pasados…- pode contactar coa técnica de Igualdade para ir programando os seguintes obradoiros.
Uns días despois, o venres 17 de outubro, Igualdade ofrecerá ás 19:00h na Casa da Cultura o espectáculo “Mulleres de conto”. A narradora Cris de Caldas traeranos relatos de mulleres que non sempre levaron unha vida de conto, pero que por iso mesmo merecen ser lembradas. Faremos unha viaxe a través de historias recompiladas que mesturan a tradición oral coa realidade, ás veces dura, pero narrada cun humor (sempre necesario) nun acto de lembranza, un berro de xustiza e unha celebración da resiliencia das mulleres do rural. O espectáculo é con entrada libre e chega a San Sadurniño grazas á Rede Cultural da Deputación da Coruña.
O mes dedicado ás mulleres do rural pecharase o sábado 25 de outubro ás 19:00h tamén na Casa da Cultura coa actuación das Pandereteiras de Xacarandaina. O grupo pertencente á asociación do mesmo nome creada na Coruña en 1978 e que hoxe é todo un referente no país polo seu traballo de recuperación, preservación e difusión do noso patrimonio inmaterial. Un labor que foi posible grazas a séculos de transmisión oral, principalmente de nais a fillas.
A súa actuación en San Sadurniño -tamén grazas á Rede Cultural da Deputación- coincide, ademais, co ano en que as Letras Galegas se lle dedicaron ás cantareiras e á poesía popular oral. A entrada é gratuíta, pero cómpre reservar entradas no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.