Thursday 02 de October de 2025

O Goberno local recórdalle a Martina Aneiros os “debes” da Xunta a San Sadurniño


A delegada territorial en Ferrol visitou esta mañá o lavadoiro da Castiñeira, en Ferreira, rehabilitado cunha axuda do Instituto de Estudos do Territorio

 

A delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, visitou esta mañá o lavadoiro da Castiñeira, en Ferreira de abaixo, que acaba de ser rehabilitado cun investimento de 27.465 euros cofinanciados cunha achega de 20.000 do Instituto de Estudos do Territorio. A obra, executada nas últimas semanas pola construtora Guerreiro Somozas S.L., centrouse na limpeza do contorno, a retirada da cuberta de fibrocemento e a súa substitución por outra nova de tella sobre unha estrutura de madeira. O ramo aos traballos púxoselle xusto hoxe á mañá, cunha nova man de pintura branca que deixou este elemento patrimonial cunha aparencia similar á que tiña cando se construiu, aló polos anos 50 do século pasado. Alén da foto de rigor e os parabéns por ter revertido o deterioramento dun ben público con certo valor histórico, o encontro con Aneiros tamén foi aproveitado polo alcalde, Secundino García Casal, para recordarlle a Aneiros varias demandas e compromisos que ten pendentes a Xunta con San Sadurniño, entre eles a reparación da antiga estrada das Pontes ao seu paso por Igrexafeita, a accesibilidade peonil da ponte de Cornide e outras de maior calado, como o desbloqueo do PXOM, as melloras no CPI ou a petición de finanzamento para ampliar o saneamento na zona de Silvalonga.

A maior parte dos “debes” da Xunta a San Sadurniño xa lle foran expostos polo alcalde a Martina Aneiros na xuntanza que ambos mantiveron en Ferrol en marzo de 2022, ao pouco de que esta última fose nomeada delegada territorial da Xunta.

Daquela o rexedor puxo enriba da mesa demandas históricas que son competencia directa da Xunta, como por exemplo a necesidade de anchear o único lado practicable da ponte sobre o Xuvia, en Cornide, polo que arestora é imposible cruzar en cadeira de rodas e polo que mesmo se fai difícil pasar se se ten mobilidade reducida.

Esta demanda envióuselle á Xunta por escrito hai cinco anos e desde aquela foi obxecto de varios recordatorios por parte do alcalde en encontros con Aneiros e outras responsables autonómicas. A delegada comprometeuse hoxe a buscar unha solución, igual que adquiriu o compromiso de comprobar as previsións sobre a reparación do tramo Igrexafeita-Espiñaredo da AC-861 -a estrada vella das Pontes-, tamén solicitada polo Concello en varias ocasións e de novo hoxe por Secundino García Casal.

En relación coas infraestruturas viarias, desde o consistorio tamén se considera urxente que a Xunta busque unha solución máis segura para a incorporación á estrada de Ortigueira desde a avenida Marqués de Figueroa, xusto diante da casa consistorial, por mor da falla de visibilidade e a velocidade ás veces elevada dos vehículos que transitan pola AC-862.

Durante a visita ao lavadoiro da Castiñeira, Martina Aneiros e Secundino García tamén falaron do saneamento de Silvalonga. Un proxecto que en 2008 a Consellaría de Medio Ambiente se comprometeu por escrito a executar con fondos propios, pero que de momento segue pendente. Aquela promesa foise demorando entre recordatorios municipais que foron respondidos con sucesivas peticións de documentación desde Augas de Galicia. O único paso adiante nos últimos anos deuno o propio Concello, investindo máis de 161.000 de fondos propios nun colector que enlaza Silvalonga coa EDAR da Portela pasando por Piñeiros.

Agora o que falta é levar a cabo toda a infraestrutura para darlle servizo á zona máis alta (o propio núcleo de Silvalonga) e, segundo parece, “hai vontade da Xunta de saldar a súa débeda contribuíndo a esta actuación, que xa lle temos solicitado por escrito a Augas de Galicia”, comentou Secundino García Casal este mediodía no repaso de balance do encontro mantido con Aneiros en Ferreira.

O alcalde mencionou que na conversa coa delegada territorial tamén se abordaron outras cuestións referidas ao patrimonio. Foi o caso da petición da colaboración autonómica para restaurar a cuberta da antiga Casa do Concello, que hoxe alberga a Casa da Xuventude e o posto da Garda Civil. Tal e como comenta Secundino García Casal, a Xunta “estaría disposta a colaborar nas obras, sempre e cando haxa participación estatal. A delegada dixo que se a Delegación do Goberno ten vontade, a Xunta non haberá problema en mirar a maneira de axudar no proxecto”.

Por último, Secundino García Casal tamén apuntou que a intención do Concello de San Sadurniño tamén é implicar á Xunta nunha nova fase de posta en valor do castelo de Naraío, que desta vez se centraría na consolidación dos muros inferiores e no desentullo e excavación das zonas que aínda están pendentes de estudar. “A delegada mostrou o seu interese neste tema, pero hai que ver ata que punto a Xunta acaba comprometéndose. Chegaríanos con que o fixese na mesma medida que o fixo a Deputación ata agora”, deixou caer García Casal.

Deja un comentario