
O Concello avanza coas intervencións previstas no barrio dos Mallos, onde tamén se efectuaron melloras de mobilidade en rúas como Mariana Pineda, Francisco Catoira, Borrallón e San Rosendo
Hoxe ao mediodía reabriuse ao tráfico a avenida da Sardiñeira, onde xa se completaron os traballos para renovar o firme da calzada ao abeiro das obras de reurbanización que está a executar o Concello.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que “a reurbanización da avenida xa está na súa fase final e, tras varios días de actuacións no pavimento, vimos de habilitar a circulación de vehículos para facilitar o tránsito no barrio dos Mallos e a contorna da futura estación intermodal”.
Estas actuacións, ademais de implicar a renovación do firme, tamén aparellaron tarefas de sinalización e pintado, tanto na avenida da Sardiñeira como en rúas interiores do barrio onde se acometeron cambios de sentido co obxectivo de garantir novos accesos de entrada aos Mallos e a Sardiñeira e, así, gañar conectividade interior e máis permeabilidade do tráfico rodado. Esta medida levouse a cabo en rúas como Mariana Pineda, Francisco Catoira, Borrallón e San Rosendo.
En paralelo, continúan os traballos na avenida, onde xa son visibles as novas beirarrúas, máis anchas e accesibles, e tamén o novo treito de carril bici que se construíu no contexto das obras, concibido para fomentar os desprazamentos en vehículos non motorizados tanto en dirección á estación como desde ela.
“A intermodal vai ser un revulsivo clave para Os Mallos e a Sardiñeira, mais tamén suporá un punto de inflexión en materia de mobilidade para a cidade no seu conxunto. Neste novo escenario é fundamental incentivar o uso de vehículos alternativos, e para conseguilo tamén é preciso contar coas infraestruturas necesarias, e é o que estamos a facer”, razoou Díaz.
Case cinco millóns de euros de investimentos en execución no barrio
A concelleira lembrou que, ademais dos fondos que achega o Concello para facilitar aconstrución da intermodal, o Goberno de Inés Rey ten en execución diversas actuacións por valor de cinco millóns de euros na contorna da estación.
Esta cantidade engloba a reurbanización da avenida da Sardiñeira (1,6 millóns), cofinanciada con fondos Next Generation, tamén a construción do novo viario que conectará coa avenida de Arteixo (2,2 millóns), así como as melloras que se están a executar na avenida dos Mallos, que o Concello está a reurbanizar e onde, como paseo previo, se está a renovar a súa rede de saneamento (1 millón).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.