Thursday 02 de October de 2025

Luís Pérez: “Tumban este goberno porque sabe que funciona”


O alcalde recrimina coaccións e posibles intereses económicos persoais para asinar a moción de censura

Onte en Ribeira asistimos á presentación dunha moción de censura absolutamente bochornosa. Non responde ao interese xeral da nosa veciñanza, senón unicamente a intereses persoais e partidistas.

É vergoñento comprobar como o Partido Popular é capaz de facer o que sexa para acadar o poder, mesmo a costa de poñer en risco a estabilidade do noso concello e de traizoar a confianza depositada polos veciños. O PP, en connivencia con catro concelleiros do PBBI, rexistrou unha moción que se debaterá o vindeiro 13 de outubro e que, de prosperar, desaloxaranos da Alcaldía.

Cómpre dicilo con claridade: esta moción se presenta contra un goberno que funciona, un goberno transparente, dialogante e que sempre puxo os dereitos e os intereses da veciñanza por diante das siglas e dos intereses particulares.

O pacto entre PP e PBBI contrasta radicalmente co acordo que asinamos no seu día BNG, PBBI e PSOE. Aquel foi un pacto público, transparente e leal. O que vemos agora é todo o contrario: un pacto escuro, tecido ás costas da cidadanía, que rompe compromisos asinados e que mesmo racha internamente o PBBI, pois só 4 dos seus 5 concelleiros o apoian. É o peor que se pode facer en política: faltar á palabra dada e traizoar aos veciños.

PP e PBBI deberán explicar cal é o motivo real desta moción de censura. Porque a cidadanía de Ribeira non merece que se antepoñan ambicións persoais nin que regresen as vellas formas de gobernar.

Non se pode esquecer que moitos dos que hoxe asinan esta moción recoñeceran no 2023 que sufriran presións e mesmo tentativas de suborno para impedir que chegáramos a un acordo co BNG. Que cambiou agora para que se sumen a este movemento?

A resposta é evidente: unha operación orquestrada desde o Partido Popular, coa complicidade da Xunta de Galiza, que leva tempo boicoteando o noso concello. Primeiro foron os atrancos ás festas de Ribeira, logo o bloqueo á residencia pública de maiores, e tamén os recortes en servizos esenciais como sanidade e educación. Todo isto formaba parte dunha estratexia para xustificar unha moción de censura que, lonxe de ser un acto democrático, é un ataque directo á vontade popular.

Quero dicir con total rotundidade que nin eu nin o BNG nos imos render. Imos seguir traballando en positivo, defendendo os intereses xerais da xente e poñendo sempre por diante o ben común de Ribeira.

A nosa veciñanza sabe que estivemos e estaremos sempre ao seu lado. Non temos nada que agochar nin pactos escuros que xustificar. O que si temos é compromiso, transparencia e palabra.

Agradecer tamén o compromiso, a lealdade e a honestidade do grupo municipal do BNG, do concelleiro do PSOE e dos edís Juan Furones e Tania Redondo polo seu traballo, dando o mellor para acadar esa Ribeira en grande que quixemos construír e que se visibilizou durante estes dous anos de goberno.

Por iso, a todos os veciños e veciñas de Ribeira lles digo: seguiremos defendendo o voso dereito a un concello gobernado con honestidade, responsabilidade e lealdade. E a quen pretende gobernar a través de traizóns e intereses persoais, advertímoslles: Ribeira non merece isto, e a veciñanza saberá xulgalo.

Deja un comentario