Thursday 02 de October de 2025

Nove compañías subirán á escena no Ciclo de Teatro de Outono de Carral


· As representacións levaranse a cabo no local Xente Nova de Tabeaio nos meses de outubro e novembro.

· A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala.

O teatro será protagonista nos vindeiros meses en Carral. O Concello celebrará unha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono ofrecendo nove funcións para públicos de todas as idades. As representacións comezarán esta mesma semana, coa primeira este venres, 3 de outubro. Todas terán lugar no local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas.

Teatro de Ningures será a encargada de inaugurar o programa con As gardiás ou o nó do tecelán (3 de outubro). O humilde piso de Rosa é un refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores decididas a preservar a súa independencia: Rosa (que se atopa en cadeira de rodas) e as súas compañeiras Ana, Marga e Susana. Cando a filla da primeira lle propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do que significa envellecer ben.

Unha semana despois, De Ste Xeito Producións tomará a remuda con Neura (10 de outubro). Trátase dunha comedia que aborda o tema da saúde mental a través da historia de amor e desamor de Edu e Sonia, unha relación que rematou, precisamente, a causa deses trastornos.

As damas de Ferrol de Teatro do Noroeste será a seguinte función do Ciclo de Teatro de Outono (17 de outubro). As protagonistas son Maruxa e Lurdes, dúas irmás xa maiores que contan, entre discusión e discusión, partes das súas vidas. A obra foi recoñecida cos premios Luisa Villalta da Deputación da Coruña por proxectos pola igualdade.

Verdeveras Expresións Artísticas chegará ao municipio con As formas do amor (24 de outubro). Na peza cóntase a historia dun deses amores inesquecibles que marcan un antes e un despois na vida.

Tolóptica, de Código Azul, será a seguinte representación do programa (31 de outubro). Os protagonistas son Leo e Brais, dous empresarios da óptica Tolóptica. Estes asisten á 24ª convención da compañía, na cal van entregar os premios ao mellor vendedor de primeira clase da empresa, entre outros.

Programación de novembro

A programación de novembro arrincará da man do grupo Butacazero e de O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada (7 de novembro). A actriz Esther F. Carrodeguas abordará con sinceridade crúa e humor irónico a súa relación co seu corpo, marcada pola gordofobia da sociedade.

Cortello de amor de Amorodio Teatro será a seguinte proposta no calendario (14 de novembro). Nela cóntase a historia de Jack e Rose, unha parella que ronda a trintena e que levan xuntos dende a adolescencia. Ambos van a un concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, e logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros da banda non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite e durmir eles dous no faiado.

Desexo, de Talia Teatro, será a antepenúltima función do ciclo, e chegará o 21 de novembro ao local social Xente Nova. Nela, a compañía aborda como na sociedade máis sexualizada da historia continúa habendo tabús arredor de cuestións como a educación sexual das novas xeracións, por exemplo.

Compañía, de Xampatito Pato, será a obra de peche do programa o 28 de novembro. Trátase dun espectáculo que fusiona o circo co mundo dos monicreques, creando imaxes e escenas que transportan ao espectador a un mundo onírico.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala.

Deja un comentario