
— Ángeles Vázquez subliña que a hostalería é unha pata fundamental para contribuír a que Galicia cumpra cos obxectivos establecidos pola UE neste eido de cara a 2030
— Tamén se desenvolveron preto de 60 xornadas de formación ao persoal da hostalería sobre a separación de residuos
A Xunta de Galicia e a Confederación Galega de Empresarios da Hostalería e Turismo están a repartir este ano packs, que inclúen envases reutilizables, bolsas contedoras para separar residuos e bolsas para botellas de viño, co obxectivo de contribuír á redución do desperdicio alimentario.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante un encontro que mantivo hoxe con representantes do sector hostaleiro, esta actuación enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre o Goberno galego e a devandita Confederación para concienciar tanto aos profesionais da hostalería como á cidadanía da necesidade de reducir a xeración de residuos de carácter alimentario.
Nese senso, no marco do Día internacional de concienciación sobre a perda e o desperdicio alimentario, que se celebrou o 29 de setembro, Ángeles Vázquez subliñou que o sector hostaleiro é unha “pata fundamental” para contribuír a que Galicia cumpra cos obxectivos establecidos pola Unión Europea neste eido de cara a 2030.
Deste xeito, ao abeiro deste convenio, que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático financiou con 200.000 euros, estanse a repartir entre os asociados da Confederación máis de 60.000 envases reutilizables para que a clientela poida levar os restos de comida sobrante para a casa. Estas friameiras supoñen ademais unha alternativa ecolóxica aos envases desbotables co que se promove tamén a redución do uso de plásticos dun só uso nos establecementos que ofrecen servizo de comida para levar. Tamén se prevé distribuír máis de 40.000 bolsas reutilizables para botellas de viño, así como 25.000 bolsas contedoras para a separación correcta dos residuos.
A maiores, tamén se desenvolveron preto de 60 xornadas de formación para os profesionais da hostalería sobre a separación de residuos, que incluíron obradoiros prácticos sobre como empregar correctamente os diferentes colectores, así como a entrega de material didáctico como folletos e guías de reciclaxe específicas para este sector.
Para concluír, a conselleira explicou que iniciativas como esta permiten avanzar no cumprimento da Directiva europea de residuos, que establece a obriga das administracións públicas de implicarse na implantación de medidas preventivas neste eido a través da sensibilización social e da formación.
De feito, co fin de avanzar na prevención da xeración de refugallos alimentarios, a UE marcouse como obxectivo para 2030 reducir nun 20 % as perdas alimentarias na cadea de produción e de subministro e nun 50 % os residuos de comida per cápita da venta ao por menor e dos consumidores.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.