Thursday 02 de October de 2025

A carreira popular C10 pechou inscricións con máis de 3.500 corredores, a cifra máis alta desde o 2018


A proba desenvolverase o domingo 5 de outubro e contará coa participación de atletas olímpicos e campións nacionais

A carreira popular C10, que celebrará a súa XIX edición o vindeiro domingo 5 de outubro, pechou onte o período de inscrición cun enorme éxito de participación, con 3.583 persoas inscritas nas diferentes categorías, das cales máis de 3.000 pertencen á absoluta. É a mellor cifra desta proba desde o ano 2018.
“O éxito desta edición é froito do traballo continuado levado a cabo polo Goberno de Inés Rey, fomentando este tipo de probas deportivas desde o Concello ao longo do ano e convertendo á Coruña na cidade de referencia a nivel galego e do noroeste”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

As primeiras persoas clasificadas na carreira Coruña10 obterán distintos premios económicos en función da categoría e a súa procedencia. Haberá un total de 9.700 euros para os mellores corredores e corredoras. Ademais, aquelas persoas participantes que batan o récord da proba tanto na categoría masculina (28’09”) como na feminina (31’40”) obterán un premio de 2.000 euros. O regulamento, así como todos os servizos que ofrece Coruña10, poderán atoparse na web municipal www.coruna.es/carreraspopulares.

Percorrido

O percorrido desta edición será similar ao dos últimos anos, partindo da Marina e atravesando os Cantóns e Linares Rivas. As persoas participantes pasarán pola avenida do Exército, dando volta na glorieta que conecta coa rolda de Outeiro para acceder á zona portuaria, continuando en dirección a Oza e regresando para acceder aos terreos portuarios. Tras un percorrido polo interior dos peiraos, as persoas participantes regresarán ao punto de partida, completando un percorrido de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Trátase dunha carrera que transcorre en plano, o que permitirá aos e ás atletas acadar boas marcas.

Lebres

A carreira contará coa participación de seis lebres que marcarán cinco ritmos de carreira diferenciados para as persoas que tomen parte na C10 co obxectivo de buscar marcas. Estas seis lebres serán Borja Costa, Lucas Prada, Lara Solsona, Cristina Alayón, Daniel Blanco e Gabriel Pizarro, atletas que correrán a C10 fóra de competición en canto á clasificación, mais que si levarán un dorsal e unha bandeira coa marca de tempo que van realizar.

Haberá cinco grupos: o de Borja Costa (37’, a 3’42”/km), o de Lucas Prada (40’, a 4’00”/km), o de Lara Solsona (45’, a 4’30”/km), o de Cristina Alayón (50’, a 5’00”/km) e o que dirixirán Daniel Blanco e Gabriel Pizarro (55’, a 5’30”/km).

Servizos e dorsais

A entrega de dorsais para a XIX edición da C10 terá lugar no departamento de Deportes de El Corte Inglés, na rúa Ramón y Cajal, o venres 3 (de 17.00 a 21.30) e sábado 4 (de 10.00 a 21.30 horas). De maneira extraordinaria, facilitarase a recollida dos dorsais o mesmo día da carreira desde as 9:00 horas e ata media hora antes da saída de cada unha das categorías no espazo habilitado no paseo do Parrote.

O domingo, día da proba, haberá diferentes servizos dispoñibles na contorna da liña de saída, como gardarroupa, fisioterapia ou aseos. Ademais, tamén haberá servizo de duchas na cidade deportiva da Torre – Arsenio Iglesias.

Deja un comentario