
Desde o ano 2024 lévanse concedidos máis de 200 permisos
Ante a información difundida hoxe sobre unha medida de conciliación coa que o Goberno de Inés Rey foi pioneiro en España, o Concello quere aclarar o seguinte: o Concello da Coruña mantén o permiso parental retribuído durante 8 semanas, unha medida que implantou por decisión propia o executivo local e que polo tanto non ten intención ningunha de reverter.
O Concello da Coruña consolídase como administración de referencia en materia de conciliación familiar e laboral ao anunciar que manterá o permiso parental retribuído durante 8 semanas, converténdose así na primeira cidade de España en dar cumprimento á directiva europea que establece medidas para favorecer a corresponsabilidade.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, destacou o impacto positivo desta medida pioneira: “Levamos concedidos máis de 200 permisos retribuídos dende xullo de 2024 ata hoxe. O noso concello é un exemplo, xa que temos unha norma propia pola que implantamos o permiso parental retribuído durante 8 semanas”.
Esta decisión reafirma o compromiso do Goberno local coa igualdade de oportunidades, a protección das familias e o impulso dun modelo de administración pública innovadora que sitúa ás persoas no centro da súa acción.
Con esta iniciativa, A Coruña marca un camiño de vangarda no conxunto do Estado, garantindo que o persoal municipal poida compatibilizar as súas responsabilidades laborais co coidado e atención das súas fillas e fillos nos primeiros meses de vida.