
O Concello de Neda aprobou reforzar a partida destinada ás axudas municipais de natalidade. A medida, incluída no modificado de crédito aprobado este verán, adoptouse á vista do número de subvencións concedidas durante o primeiro semestre do ano, e en previsión de que os fondos contemplados no orzamento en vigor- 5.000 euros- resulten insuficientes. A suba será do 38%.
Así, a corporación municipal apostou por sumar outros 1.900 euros extra á partida orzamentaria á que se imputan as axudas de pago único, cun importe de 300 euros (600 euros en caso de discapacidade), que poden solicitar as familias empadroadas no municipio polo nacemento, adopción, acollemento previo dun neno/a.
Desta xeito, e dado que nos primeiros seis meses deste 2025 se concederon trece axudas (en todo o 2024 foron 16), a incorporación deste fondos procedentes do remanente de tesourería permitirá tramitar, se chegan a efectuarse, outra decena de peticións.
Teñen dereito a axuda os proxenitores empadroados no municipio, que soliciten este apoio económico no prazo máximo de tres meses “dende que se produza o nacemento, ou que se notifique a resolución xudicial ou administrativa de acollemento ou adopción”. Ademais, co obxectivo de contribuír a fixar poboación, é requisito indispensable para percibir o cheque que os proxenitores asinen un compromiso de manter o empadroamento en Neda durante un período mínimo de catro anos.