Thursday 02 de October de 2025

O Concello reclamará a Correos que recupere o seu horario habitual de atención ao público na oficina de Camariñas


· Pasou de abrir de 9 a 14 horas a facelo unicamente de 10:30 a 14: horas.

· Sandra Insua considera que “supón unha clara perda de servizos para a nosa veciñanza, que ve limitado o acceso a un servizo público esencial”.

O Concello de Camariñas vén de manifestar a súa preocupación polo recorte no horario de atención da oficina de Correos de Camariñas, que pasou de abrir de 9:00 a 14:00 horas a facelo unicamente de 10:30 a 14:00 horas.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, considera que “esta redución do tempo de apertura supón unha clara perda de servizos para a nosa veciñanza, que ve limitado o acceso a un servizo público esencial”.

Por este motivo, o Concello xa está en contacto coa dirección de Correos para demandar que se retome o horario habitual, garantindo así que a cidadanía poida realizar as súas xestións nun tramo horario máis amplo e axeitado ás súas necesidades.

“Non podemos permitir que un servizo básico como o de Correos reduza a súa presenza no noso municipio. Trátase dunha cuestión de igualdade de dereitos para a veciñanza e de acceso a servizos públicos fundamentais”, sinala a rexedora.

O Concello de Camariñas continuará coa reclamación ante Correos ata que se restableza o horario anterior de apertura ao público.