Thursday 02 de October de 2025

O Concello impulsa unha pioneira liña de axudas para sufragar servizos terapéuticos e alimentos sen glute de persoas menores


O Concello de Santiago, a través do departamento de Dereitos e Servizos Sociais, vén de aprobar unha novidosa convocatoria de axudas para sufragar os gastos relacionados con servizos terapéuticos que apoien o desenvolvemento e o benestar dos e das menores, tales como atención psicolóxica, logopedia, terapia ocupacional ou atención temperá, entre outros. As bolsas tamén permitirán financiar a compra de produtos sen glute no caso de nenos e nenas con celiaquía.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, presentou a convocatoria das “Bolsas para sufragar gastos relacionados con medidas terapéuticas que apoien o desenvolvemento e o benestar persoal”, aprobada na Xunta de Goberno de onte e á que se destina un orzamento de 70.000 euros. A tenenta de acaldesa explicou que o obxectivo é “colaborar coas familias con menores que necesitan recibir tratamentos relacionados con trastornos da aprendizaxe, da linguaxe ou da conducta; que precisan de estimulación temperá ou terapia ocupacional; que poden estar en proceso de avaliación dun TDH ou trastorno do espectro autista, ou mesmo que teñen altas capacidades intelectuais e requiren tamén por iso dun apoio específico”.

María Rozas afirmou que “se o sistema público funcionará ben esta liña de axudas non sería necesaria, pero a realidade é que moitos destes servizos como logopedia, terapia ocupacional, ou atención psicolóxica, ou non se prestan desde o público ou faise de maneira insuficiente, de modo que as familias están obrigadas a asumir importantes gastos para garantir a atención necesaria”. “Que un ou unha menor reciba a atención profesional específica que necesita, de maneira temperá e coa frecuencia axeitada”, sinalou a concelleira, “pode marcar o seu desenvolvemento persoal e mesmo condicionar a súa vida adulta, e por iso queremos garantir a igualdade de oportunidades e facilitar que as familias con menos recursos poidan acceder a tratamentos e terapias que non poden pagar sen axuda”.

Na mesma liña, Rozas referiuse aos sobrecustos aos que se enfrontan as familias con algún membro que padece celiaquía. Tal e como explicou, “ a alimentación sen glute é o único tratamento para estas persoas, que teñen que pagar ata un 750% máis por algúns produtos sen glute como a pasta”.

Axudas de ata 1.200 euros por menor

Co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades, a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais pón en marcha esta convocatoria de bolsas, á que nesta primeira experiencia se destina un orzamento de 70.000 euros.

As axudas cubrirán ata o 90% dos tratamentos, ata un máximo de 1.200 euros por menor, e poderánse xustificar os gastos realizados ao longo deste 2025, entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro.

A convocatoria está destinada ás persoas menores de idade que estean empadroadas en Santiago, que acrediten mediante un informe de profesional colexiado que precisan un tratamento periódico ou que están afectadas pola enfermidade celíaca, e cunha renda máxima familiar anual que non supere 5 veces o IPREM anual en 12 pagas (é dicir, 36.000 euros anuais).

O prazo para a presentación das solicitudes será de 10 días hábiles, unha vez que a convocatoria sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia. O trámite deberá realizarse a través da sede electrónica do Concello ou do Rexistro Electrónico Xeral da rede SARA. O departamento de Servizos Sociais estará ao dispor das persoas interesadas para facilitar a presentación da solicitude e resolver calquera dúbida sobre a convocatoria.