Thursday 02 de October de 2025

Santa Cruz de Lesón celebrará as súas festas do Santísimo do 12 ao 16 de setembro


· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e Javier Sanisidro, en representación da comisión de festas, presentaron hoxe o programa completo

· Ao longo destes cinco días a veciñanza poderá gozar de múltiples actividades pensadas para todos os públicos

A parroquia de Santa Cruz de Lesón prepárase para vivir cinco días de intensa celebración con motivo das festas do Santísimo, que terán lugar do 12 ao 16 de setembro. O programa, presentado esta mañá pola concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e Javier Sanisidro, representante da comisión de festas, inclúe música e actividades para todas as idades.

A edil destacou que “estas festas son un punto de encontro para os veciños e veciñas” e agradeceu “a todas as persoas que integran a comisión polo seu traballo ao longo de todo o ano, que permite que esta parroquia goce de cinco días de celebración con actividades variadas para todos os públicos”.

Os festexos darán comezo o venres 12 de setembro ás 20.00 horas co concerto dos grupos Open Drink e Kolokón, aos que seguirá a música de DJ Jalaiko.

O sábado, día 13, a troula comezará ás 12.00 horas cunha sesión vermú amenizada por DJ Tatami, patrocinada por Fariña Bretal. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, os máis pequenos e pequenas poderán gozar de xogos populares e agasallos, seguidos dun obradoiro de pintar caras entre as 18.00 e as 20.00 horas, ademais de inchábeis que estarán dispoñibles ata as 21.00 horas. Ás 19.00 horas celebrarase unha gran mexilloada e empanada de balde para todas as persoas asistentes. Xa pola noite, ás 21:00 horas terá lugar o concerto do grupo Amores de Barra e, a partir das 23.00 horas, volverá a música de DJ Tatami para pechar a xornada por todo o alto.

O domingo 14, a partir das 10.00 horas, as rúas encheranse de música coa ruada dos grupos de gaitas Jaitas Blue e Xiada. Ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne na honra do Santísimo de Santa Cruz de Lesón, seguida da tradicional procesión e sesión vermú.

Os actos relixiosos continuarán o luns 15 coa misa solemne na honra de San Roque (18.00 horas), seguida da procesión acompañada polo grupo de gaitas Xiada. As festas pecharanse o martes 16 tamén coa misa solemne na honra de San Xosé (18.00 horas), que tamén irá acompañada dunha procesión co grupo de gaitas Xiada. Poñerase, así, o broche de ouro a cinco días de celebración, música e tradición.