Thursday 02 de October de 2025

O tradicional trofeo de fútbol e a romaría da Cortiña encherán de actividade a xornada do domingo


A XVI Feira Rural de San Sadurniño será este sábado o principal evento dunha fin de semana que xa nos sinala o remate do verán e a volta á rutina. Porén, esta cita lúdica non será a única. E é que o domingo temos outras dúas cousas anotadas na axenda, tamén en San Sadurniño, que non podemos deixar pasar. Así, no campo da piscina xogarase o 31º Trofeo de Fútbol Concello de San Sadurniño, cun partido feminino entre a SD O Val B e as Discalzas SD Cedeira, e outro masculino no que volveremos vivir o noso derbi co enfrontamento entre o CF San Sadurniño e a UDC Narahío. Mentres, á beira do Xubia -baixo a carpa da feira do sábado- celebrarase a primeira Romaría da Cortiña, organizada neste caso pola Asociación cultural Concienciarte, con música, xantar e outras actividades.

A 32ª edición do Trofeo de Fútbol Concello de San Sadurniño volverá xogarse no campo da piscina, seguindo coa decisión tomada hai uns anos pola concellaría de Deportes de alternar un ano no campo da Veiga, en Naraío, e outro no municipal dos Currás, co obxectivo de que os dous equipos de fútbol locais, o Sansa e o Narahío, poidan ser anfitrións dunha cita con entrada gratuíta pero que adoita deixarlles uns ingresos de cantina moi necesarios para afrontar a temporada.

Outro cambio introducido en 2023 foi o de que o trofeo reflicta o compromiso municipal coa igualdade e, por esta razón, todas as edicións dispútanse desde aquela a dous partidos, un feminino e outro masculino.

O trofeo municipal abrirase no campo da piscina ás 16:30h co partido feminino entre a SD O Val B e as Discalzas de Cedeira, rivais no Grupo 1 da Terceira División Galega. Os dous partidos ligueiros que xogaron na temporada 2024/2025 saldáronse con cadanseu marcador a cero, sinal de que se trata de equipos con forzas semellantes, tal e como refrenda tamén que ambos quedasen relativamente próximos na metade da táboa clasificatoria. Esa igualdade será, seguramente, un dos factores determinantes para que o domingo poidamos asistir a un espectáculo futbolístico moi intenso e entretido.

O seguinte partido comezará ás 19:30h co gran derbi entre o CF San Sadurniño e a UDC Narahío. Os dous equipos locais, que militan na liga zonal de Ferrol da Segunda Futgal, encóntranse preparando a temporada 25/26 con numerosas incorporacións que cómpre axeitar aos cadros e as estratexias. O ano pasado non se enfrontaron no trofeo, pero si nunha liga moi exitosa para o San Sadurniño, que rematou segundo, e algo menos favorable para o Narahío, sexto na clasificación. No partido ligueiro de ida, o Narahío perdeu na casa por 0 goles a 1 fronte á escuadra laranxa. Na volta, o Sansa repetiu victoria cun contundente 3-0.

Así as cousas, o partido deste domingo promete ser, coma sempre, de alta voltaxe (deportiva), habida conta da rivalidade histórica entre as dúas formacións e o desexo da UDC de non encadear unha nova derrota.

Festa á beira do Xubia
En paralelo, o campón do arboreto de especies autóctonas e o paseo fluvial acollerán a primeira Romaría da Cortiña, organizada pola A.C. Concienciarte de Silvalonga, con música ao vivo, xantar e actividades abertas a toda a veciñanza.

O programa festivo dominical -que aproveita a carpa e outras infraestruturas da Feira Rural- arrancará ás 13:30h coa actuación de Sanjurjo, Dopico e Cardalda, seguidos polo grupo folc Encrucillada. Xa pola tarde, a partir das 17:30h, será a quenda de Bestas e, para pechar a festa, actuará o grupo Graveroad ST.

Ademais da música, a Romaría contará cunha zona de xogos para a rapazada e un espazo preparado para compartir mesa e mantel. O evento celébrase coa colaboración da AC Irmandiños de Moeche, do Concello de San Sadurniño e do Mesón O Ferrador.