
A súa actuación deste xoves 28 suporá a estrea a nivel estatal deste novo proxecto musical de Aida Tarrio (Tanxugueiras) e Raúl Refree
Gala i Ovidio, o novo proxecto musical que une a Raül Refree, prestixioso músico e produtor, e a Aida Tarrío, compoñente do recoñecido grupo Tanxugueiras, iniciarán as súas actuacións en directo este xoves no Teatro Colón. Este concerto, que forma parte da programación da Romaría de Santa Margarida, contará tamén coa actuación previa de Belém Tajes, ás 20.00 horas.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a apostar por propostas exclusivas e novidosas no ámbito musical dentro da programación das Festas de María Pita”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. As últimas entradas continúan á venda no despacho de billetes da praza de Ourense e en Ataquilla. En caso de quedar localidades dispoñibles este xoves, habilitarase tamén a billeteira do propio teatro nas horas previas ao espectáculo.
Días atrás, Refree e Tarrío fixeron unha residencia no propio Teatro Colón, contando coa colaboración do Concello na preparación da súa xira de presentación deste novo proxecto.
O espectáculo, que ía ser celebrado no auditorio do parque de Santa Margarida, foi trasladado ao Teatro Colón atendendo ás necesidades técnicas do espectáculo.
O proxecto rende homenaxe no seu nome aos fillos da escritora galega Rosalía de Castro. En 1871 a escritora galega Rosalía de Castro deu a luz en Lestrove aos xemelgos Gala i Ovidio. Aida e Raül atopáronse en 2021 no Pazo de Mariñán e pronto souberon que debían hermanarse nun proxecto musical. Catro anos tardaron en darlle forma, entre procuras e gravacións, a Gala i Ovidio, un proxecto que se levou en segredo ata o día de hoxe. Os dous recoñecidos artistas coñecéronse para interpretar cancións tradicionais de Galicia e inspirados por elas foron atopando novos territorios onde a tradición intúese e os xéneros dilúense. A Raül gústalle dicir que Aida ten ás mulleres galegas dos últimos decenios na súa voz e que este arraigamento permítelles experimentar sen perder a identidade.