Thursday 02 de October de 2025

A Travesía a Nado á Enseada de San Amaro volve este domingo ao mar cunha participación de 300 deportistas


A proba, organizada polo Club do Mar de San Amaro coa colaboración do Concello da Coruña, celebrarase o 31 de agosto ás 12:00 horas tras a cancelación da pasada edición por precaución sanitaria

A praia de San Amaro acollerá este domingo, 31 de agosto, a celebración da LXXXIV edición da Travesía a Nado á Enseada de San Amaro, unha das probas máis emblemáticas do calendario deportivo coruñés, organizada polo Club do Mar de San Amaro coa colaboración do Concello da Coruña.

A Travesía, que se desenvolverá en augas abertas na contorna da enseada, ofrece un percorrido en forma de triángulo e está aberta a nadadores de diferentes idades, promovendo tanto a participación popular como a práctica deportiva en contornas naturais.

O Concello da Coruña colabora coa organización do evento, xunto cos equipos de Protección Civil, Cruz Vermella e a FESSGA, que reforzarán a seguridade da proba con medios acuáticos e asistencia técnica.

Esta proba consolídase como un referente no calendario estival da cidade, tanto pola súa tradición —con 84 edicións celebradas— como polo seu valor na promoción do deporte ao aire libre e o vínculo coa contorna costeira de barrios como Monte Alto ou Durmideiras.

O Goberno de Inés Rey reafirma así o seu compromiso e apoio de eventos deportivos emblemáticos que fomentan a vida activa, o respecto polo medio e a convivencia cidadá.