
Está previsto que no mes de setembro comecen a executarse dúas obras relacionadas co ciclo da auga en Montrove e Nós cun investimento conxunto de 900.000 euros. Trátase das tuberías de abastecemento que conducen a auga baixo as avenidas de Salvador Allende, en Nós, e Rosalía Castro, entre Montrove e Oleiros.
Ademais desta importantes obras, o Concello tamén vai contratar proximamente os tramos de tubería xeral pendentes de renovación entre o depósito A Pezoca-Quinta Canaima e depósito da Edreira-rúa Pazo. Así mesmo, a través da empresa municipal de augas AquaOleiros, realizarase un investimento de 5 millóns de euros para as obras de renovación das tuberías de fibrocemento pendentes na avenida das Mariñas así como os tramos das de PVC de maior antigüidade, neste momento nas parroquias de Dorneda e Serantes.
O Concello de Oleiros conta cunha ampla rede de abastecemento de auga dotada de 432 km e dotada con 11 depósitos, que se atopan en constante proceso de mellora, destinando todos os anos importantes recursos económicos á súa renovación. Nas obras das tuberías vanse priorizando aqueles tramos nos que se producen máis roturas, normalmente os de maior antigüidade.