Thursday 02 de October de 2025

O Concello de San Sadurniño pasará a led as principais liñas de iluminación pública cun crédito do IDAE de 400.000 euros


O Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) comunicoulle recentemente ao Concello de San Sadurniño a concesión dunha axuda en forma de crédito para financiar o cambio a led das principais liñas de iluminación pública que aínda están pendentes de dar o salto a esta tecnoloxía. O proxecto, xa en fase de redacción, está cifrado en 400.000 euros cos que se substituirán cerca de 700 luminarias de vapor de sodio de alta presión por outras novas de menor consumo, o que suporá unha redución do gasto enerxético de arredor dun 73,6% e un aforro de preto de 46.000 euros anuais na factura eléctrica. A intervención contempla tamén a renovación de cadros e cableados, así como a instalación dun sistema de telexestión que mellore a eficiencia de toda a rede. A achega do IDAE cubrirá o total do investimento mediante un préstamo a dez anos sen xuros que o consistorio irá amortizando co aforro conseguido.

O proxecto chegará aos alumeados principais do rural de San Sadurniño. En Bardaos uniranse as redes das Loibas e a Bañoca, que pasarán a contar con 113 puntos de luz led. En Ferreira renovarase a rede do fondo da parroquia, con 118 puntos. En Igrexafeita actuarase ao longo da antiga estrada xeral e nos lugares da Fraguela e a Penalonga, sumando 71 farois. En Lamas substituirase o alumeado de Portolamas, o Freixo e as Ramisqueiras -cun total de 68 puntos- ademais de toda a rede desde Riboira ao Chao de Lamas (107 puntos). En Santa Mariña do Monte os cambios afectarán ao Vilar, o Colado e Castrelo, con 47 luminarias. Finalmente, en Naraío renovaranse os puntos do Piñeiro e O Freixo -60 luces en conxunto- e tamén os do Eirexado e a Ferraría, que suman 66. Ademais tamén se ampliará á zona de Vilafiúnce -seguindo a estrada de Pedroso- a iluminación coa que xa contan o resto do centro urbano de San Sadurniño e Cornide.

As novas luminarias estarán deseñadas cunha potencia optimizada e unha temperatura de cor cálida (2200K), que permitirá reducir a contaminación lumínica e mellorar tanto a seguridade viaria como o descanso da veciñanza, ademais de minimizar o impacto sobre a fauna nocturna.

Xunto á renovación das farolas, instalaranse módulos de regulación que reducirán automaticamente a intensidade lumínica en horarios de menor tránsito, reforzados cun sistema avanzado de telexestión que posibilitará o control remoto da rede. Esta tecnoloxía permitirá adaptar a iluminación ás necesidades reais de cada momento, realizar apagados selectivos en zonas de pouco uso nocturno e detectar de inmediato posibles incidencias.

Segundo o alcalde, Secundino García Casal, o proxecto permitirá “modernizar a rede de iluminación pública e avanzar cara a un concello máis sostible, reducindo emisións contaminantes equivalentes e, sobre todo, os gastos en enerxía. O estudo preliminar incluído na memoria valorada que lle presentamos ao IDAE calcula que baixaremos a factura da luz nuns 46.0000 euros anuais”. O rexedor destacou tamén o valor engadido da nova infraestrutura de xestión: “A telexestión permitiranos ter un mellor control sobre a rede e evitará que a veciñanza teña que avisar cando haxa algunha luz avariada, posto que xa nolo indicará o propio sistema”.

O Concello xa concorrera á convocatoria do IDAE en 2023 cun proxecto global de 1,8 millóns de euros para renovar toda a rede, mais aquela solicitude non acadara suficiente puntuación para ir adiante. “Hai dous anos presentamos unha solicitude para todo o Concello. As liñas máis pequenas lastraban en certa maneira o retorno do investimento, algo que penalizou o proxecto. Por iso este ano optamos por centrarnos nas liñas de iluminación principais, as que máis consomen e, polo tanto, coas que máis aforro agardamos conseguir. Aquelas liñas secundarias, e non por iso menos importantes, iremos executándoas como até agora, con fondos propios ou investimentos do Fondo Ambiental”, explicou García Casal.

O alcalde precisa que co dimensionamento actual do proxecto que se está redactando investiranse uns 400.000 euros, os mesmos cartos que empresta o IDAE coa condición de devolverllos sen xuros no prazo máximo de 10 anos. “É dicir, teremos que amortizar 40.000 euros anuais de crédito estatal. Se gracias ao cambio a led conseguimos 46.000 euros de aforro na factura da luz, a conta está clara e é certamente vantaxosa para o Concello en termos económicos e ambientais”.

O Concello está elaborando neste momento o proxecto no que se baseará o proceso de licitación do cambio tecnolóxico. “Para a solicitude da subvención do IDAE presentamos unha memoria valorada que agora debe precisar máis algúns aspectos técnicos, pero a contía final do investimento practicamente non se vai mover”, aclara Secundino García Casal, engadindo deseguido que a licitación pública das obras se efectuará “o antes posible”.

Con esta nova actuación, San Sadurniño dá continuidade ao proceso de modernización iniciado hai anos, que xa permitiu implantar luminarias led no centro urbano, en Cornide e en varios treitos principais das estradas AC-125 e AC-862. O obxectivo agora é avanzar cara a unha rede máis eficiente, que non só supoña un importante aforro económico, senón que tamén reduza as emisións contaminantes e contribúa a mellorar a sostenibilidade ambiental do territorio, consonte os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas que o Concello se comprometeu a cumprir.