
Ribeira ano a ano vai contando cunha maior afección á modalidade de mergullo Cazafotosub, e a celebración do cuarto campionato infantil o certifica. Hoxe déronse cita para a presentación, o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, o secretario do Club Sotavento, Héctor Costa xunto a José Ayer e Fernando Quintela que tamén son membros do club.
O campionato está organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas en colaboración co Club Subacuático Sotavento e o Concello de Ribeira e levarase a cabo este sábado –30 de agosto– na praia de Río-Azor de 10:30 a 13:30 horas onde nenos e nenas até 16 anos poderán mergullarse para acadar a mellor instantánea dos diferentes peixes que se atopan nas cristalinas augas da palmeirana praia de Río-Azor.
A diferenza cun campionato absoluto é que no familiar están obrigados a participar cun adulto e tamén a proba non é puntuable, simplemente creouse para dar a coñecer este deporte e para dar a oportunidade aos máis pequenos a adentarse nel.
O concelleiro de deportes explicou que o concello quere seguir apoiando esta actividade “porque vai destinado a mozos e mozas menores de 16 anos e dende a concellería parécenos primordial fomentar as actividades para esta franxa de idade aparte de familiarizar aos nenos e nenas co medio mariño e o seu coidado”. Vidal agradeceu ao GAEM pola súa colaboración para este evento no que estará presente cunha zodiac o propio día do campionato.
Héctor Costa doulle grazas ao Concello por apoiar un ano máis esta actividade, e quixo poñer en valor o excelente emprazamento do campionato na praia de Río Azor da que falou das excelentes características para o desenvolvemento para este tipo de modalidade subacuática facendo referencia ao Campionato de España 2017 “que tamén se celebrou nesta praia onde se obtiveron instantáneas de máis de 50 especies diferentes “polo tanto e un emprazamento, que aparte de resgardado e seguro tamén resalta pola súa ampla diversidade”.
Finalmente animaron a veciñanza a achegarse a ver esta actividade de mergullo.