
As nenas e nenos da Aldea de Verán visitaron esta mañá o Centro de Día de San Sadurniño para coñecer as instalacións e compartir tempo de lecer coas persoas usuarias. A actividade, marcada pola diversión e a complicidade entre xeracións, incluíu contos, xogos, puzzles e mesmo unha busca do tesouro na que a cativería contou coas pistas das avoas e avós. Segundo destacou a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas Castro, o encontro puxo de manifesto “a importancia de tender pontes entre idades diferentes e de valorar os coidados e o cariño que se ofrecen mutuamente”.
A visita supuxo un momento especial para as persoas maiores, que gozaron coa compañía da rapazada e coa enerxía que trouxeron á rutina diaria do centro. “As nenas e nenos compartiron un tempo impagable coas avoas e os avós usuarios do Centro de Día. Foi un tempo de desfrute mútuo, porque as usuarias e o persoal do centro, que fai un grande labor, tamén o pasaron moi ben”, sinalou Bellas Castro, resaltando que a actividade foi tan enriquecedora para a rapazada como para as usuarias e usuarios do servizo.
Durante a mañá as crianzas participaron en xogos colectivos e dinámicas pensadas para compartir tempo e experiencias. Segundo explicou a concelleira, “ademais de divertirse, aprenderon que as persoas maiores son unha fonte de coñecemento, de afecto e de memoria viva, e que as relacións interxeracionais son algo moi enriquecedor que non se pode perder”.
A visita prodúcese nos últimos días do campamento de conciliación, que rematará este venres despois dun verán cheo de experiencias no que as nenas e nenos xogaron no patio cuberto do CPI, achegáronse a outros puntos do centro urbano -como a Casa da Cultura, os xardíns municipais ou a Fraga Máxica- e no que mesmo tiveron días de praia e de visitar outros concellos.