Thursday 02 de October de 2025

O Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel de Goente ofrecerán en setembro a segunda parte do curso de iniciación á apicultura, centrada na diversificación dos aproveitamentos das colmeas


A actividade forma parte do catálogo de cursos sobre o sector primario da Consellaría do Medio Rural

Aló polo mes de maio, a área de Desenvolvemento local publicou a información sobre o curso de iniciación á apicultura que desde hai uns anos organizan conxuntamente o Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel. Unha formación que este ano se encadrou nos cursos da Consellaría do Medio Rural e que, ademais, se dividiu en dúas accións: a impartida entre finais de maio e principios de xuño sobre coidado e reprodución das abellas e, por outra banda, a que vai ter lugar a mediados de setembro, centrada na diversificación e comercialización dos produtos da colmea. As inscricións, gratuítas, hai que facelas en liña a través desta ligazón (código FC2025F115033). Hai máis información no 661 003 616 ou no correo casadomel@vodafone.es.

Esta segunda parte do curso de iniciación á apicultura desenvolverase de forma presencial na Casa da Xuventude de San Sadurniño os días 12, 13 e 14 de setembro en horario de 09:00 a 14:00h. Nel abordaranse cuestións que lles permitan aos apicultores e apicultoras sacarlle o máximo partido ás súas abellarizas, especialmente nun contexto marcado polo cambio climático, as especies invasoras que ameazan a produción -sobre todo a vespa velutina nigrithorax– e a competencia do mercado global.

Tradicionalmente, o aproveitamento apícola estivo centrado case exclusivamente no mel e, ocasionalmente, na cera. Porén, na actualidade resulta fundamental saber como obter e transformar outros produtos coma o pole, a própole ou a xelea real, cuxo valor económico pode contribuír decisivamente á sustentabilidade dunha explotación.

O alumnado aprenderá con ese obxectivo as técnicas de recolección e procesado destes produtos, coñecerá as súas propiedades e posibilidades de comercialización e participará nunha cata de diferentes tipos de mel para afinar o seu criterio de calidade. As sesións tamén prestarán atención ás condicións sanitarias e legais para a venda e etiquetado de todo o que nos dan as abellas.

O curso está integrado no catálogo da Consellaría do Medio Rural, de maneira que hai que anotarse a través da plataforma en liña que este departamento autonómico pon a disposición das persoas interesadas.

Unha vez accedemos ao portal, e despois de premer en “Entrar”, atoparemos un campo de búsqueda por código (xusto debaixo do título “Accións formativas/informativas”), onde deberemos introducir o código FC2025F115033. Feito isto haberá que premer o botón azul “Buscar”, situado á dereita, e cando aparezan os datos do curso, pulsar co rato sobre a opción “Inscribirse” e seguir os pasos que indique o aplicativo da Xunta.