
A cita co sector primario e a sostenibilidade celebrarase este sábado durante todo o día na leira da Cortiña, á beira do Xubia
A área de Desenvolvemento local pechou o luns o prazo de solicitude de espazos expositivos e de venda para a 16ª Feira Rural que se celebra este sábado. En total recibiu 73 peticións, practicamente as mesmas que o ano pasado, na súa maioría para postos agroalimentarios e de artesanía, aínda que tamén haberá un número importante de puntos de venda de artigos de segunda man, ademais de representación dos viveiros de planta e horta da zona e unha firma dedicada á maquinaria. O listado pode consultarse nesta ligazón, onde tamén figuran os horarios de entrada no recinto da Cortiña. No momento de acceder á feira, todos os postos inscritos deberán presentar o resgardo bancario do pagamento da taxa.
Por actividade, o Concello rexistrou 28 peticións de postos agroalimentarios -tres deles de produto ecolóxico certificado polo CRAEGA-, 2 de viveiros de planta e flor, 2 de maquinaria, 13 de artesanía, 19 de artigos de segunda man e 9 correspondentes a entidades e institucións que acudirán ao evento para promocionar as súas actividades, como poden ser o Club da Raza Can de Palleiro ou os postos da campaña Galicia Sabe Amar e do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, entre outros.
A superficie máxima que poderán ocupar os postos -segundo o que solicitasen- serán 15 metros liñais, salvo os viveiros e expositores de maquinaria, que poderán ocupar ata 25 metros de frontal no espazo que se lles asigne. Os prezos de participación na feira veñen marcados pola medida dos liñais, que modificou os seus tramos lixeiramente desde esta edición: 10€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo, 25€ de 6 a 15 metros por 5 metros de fondo e 60€ se o posto ten entre 16 e 25 metros liñais e 8 metros de fondo. Os postos que solicitasen haima e electricidade facilitadas polo Concello deberán sumarlle o seu importe ás contías anteriores.
As cantidade que toque en cada caso deberá pagarse presencialmente no Concello ata o mediodía deste venres, presentando cuberta a folla de autoliquidación da taxa e facendo o pago con tarxeta no momento (ou previamente mediante ingreso/tranferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059), indicando o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado será necesario presentar o resgardo do pagamento.
Os postos deberán ir entrando no recinto á hora que teñan asignada no listado de inscricións publicado hoxe, co obxectivo de que a montaxe sexa o máis áxil posible e de evitar aglomeracións de vehículos nos sendeiros, aos que xa non se poderá acceder para descargar material despois das 10:15h.
Se se cumpren as previsións doutros anos, a feira estará completamente armada sobre as 10:30 horas e lista para recibir a habitual afluencia de público, máis elevada entre as 12 e as 14:00h aínda que cara a media tarde adoita volver repuntar, sobre todo nos intres previos á clausura.
Atendendo á lista de inscricións, Feira Rural chega á 16ª edición con moita variedade de produto fresco e elaborado, artesanía e artigos de segunda man, ademais de contar con venda de pequena maquinaria -cortacéspedes, rozadoiras de man e forestais, etc.-, flor e planta.
Ademais haberá máis cousas nun programa ininterrompido que se prolongará ata pasadas as 8 da tarde: visitas ao colmear didáctico e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos (con prácticas de poda e enxertado), obradoiros para a rapazada, descensos en kaiak polo Xubia, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de lotes de produto local e de cadros pintados ao vivo durante a xornada, música ao vivo coas Faíscas da Pontraga. E, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.
Para xantar
A feira disporá cun posto de comida, aínda que tamén é moi boa opción acudir a algún dos restaurantes do concello: o Mesón A Granxa, Mesón O Ferrador (San Sadurniño. Consultar antes) e Os Cazadores (Santa Mariña do Monte), aínda que convén reservar con tempo de antelación nos que quedan máis preto da feira.
Outra opción é vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o arboreto da Cortiña -o espazo arborado onde se desenvolve a feira-, o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).
Máis información
Listado de participantes (.pdf)
Bases do concurso da froita (.pdf)
Programa completo
A XVI Feira Rural de San Sadurniño é unha actividade financiada pola Deputación da Coruña.