
O Concello ten redactado un proxecto de 158.000 euros para renovar a cuberta, os paramentos exteriores e o contorno, co obxectivo de mellorar a súa funcionalidade e a integración paisaxística
Na sesión tamén se debaterá a Conta Xeral de 2024, pechada cun751.000 euros de fondos líquidos, a adhesión aos convenios marco da Xunta para a recollida de pilas e vidro e tamén dúas mocións presentadas polo BNG e o PSOE
O Concello celebrará este serán -19:30h- sesión ordinaria do pleno municipal cunha orde do día na que destacan tres temas principais: a solicitude dunha axuda nominativa á Deputación da Coruña para levar a cabo a primeira fase da rehabilitación da nave de Obras, a adhesión aos convenios marco coa Consellaría de Medio Ambiente para a recollida de pilas e vidro e, por último, a votación do balance da conta xeral de 2024, que pechou con algo máis de 751.000 euros de fondos líquidos e un resultado orzamentario axustado próximo aos 665.000 euros. Na relación de temas que se van tratar tamén se inclúen dúas mocións presentadas polo BNG e o PSOE, unha demandando políticas de prevención e accións para a recuperación das zonas devastadas polos incendios e outra relativa aos compromisos contra o cambio climático. Por ser ordinario, o pleno rematará co apartado de rogos e preguntas. A sesión emitirase ao vivo a través da canle do Concello de San Sadurniño en Youtube.
Seguindo a relación de temas que compoñen a orde do día, os dous primeiros en debaterse e votarse serán os as propostas de adhesión aos convenios marco subscritos pola Consellería de Medio Ambiente coa Fundación Gestión Ambiental e con ECOVIDRIO para a recollida de pilas e de vidro, que deixará en mans de ambas entidades e sen custes para o Concello a retirada e tratamento de ambos tipos de refugallos.
No primeiro caso, o das pilas e acumuladores, o Concello optará por facer a recollida nos colectores específicos que hai no territorio e despois facer un acopio temporal para que despois sexa a empresa xestora quen veña buscar os refugallos para tratalos de maneira axeitada. No tocante ao vidro doméstico dun só uso as cousas seguirán como están, con ECOVIDRIO encargándose da recollida e tratamento, así como do mantemento dos iglús.
Tras tratar estas dúas cuestións -que seguramente saian adiante por unanimidade- o pleno abordará a proposta da alcaldía de solicitar a colaboración económica da Deputación da Coruña para reparar a coñecida como nave de Carnero, onde se encontra Obras e Servizos, adquirida recentemente polo Concello.
O consistorio preparou un proxecto cuantificado en 158.750 euros para cambiar a cuberta -parte desta contía irase na retirada segura e tratamento das uralitas-, renovar os paramentos exteriores e adecuar o contorno da nave para mellorar a súa integración paisaxística. Segundo a proposta de acordo que se votará este serán, a idea é que o ente provincial achegue 127.000 euros (o 80% do total), de modo que o Concello podería afrontar esta primeira fase -a renovación total da zona requirirá máis investimentos no futuro- poñendo só 31.750€ de fondos propios. Dado que o asunto da nave de Obras contou até o momento co respaldo dos tres grupos municipais, cabe agardar que a solicitude do convenio nominativo tamén se aprobe por unanimidade.
Antes de entrar a expor e debater as dúas mocións rexistradas polo BNG e o edil do PSOE, a orde do día tamén recolle a votación do peche e liquidación do orzamento 2024. Os números principais da Conta Xeral 2024 son 751.018,98 euros de fondos líquidos, que despois de aplicarlles as obrigas pendentes de pagamento e as partidas pendentes de aplicación, deixan 728.609,31 euros en remanentes de tesouraría para gastos xerais. Por outra banda, as distintas epígrafes que compoñen o peche das contas de 2024 dan como balance final un resultado orzamentario axustado de 664.722,99 euros
Mocións do BNG e o PSOE
As mocións rexistradas polo BNG e o PSOE están ambas vinculadas coa crise climática e os seus efectos máis visibles. En primeiro lugar tratarase a proposta do BNG, centrada na vaga de lumes forestais que arrasou Galicia o pasado mes de agosto. O grupo nacionalista denuncia a “neglixencia absoluta” do goberno da Xunta na prevención e xestión da emerxencia, e considera que o modelo forestal do PP está esgotado. A moción propón medidas como a creación dun Fondo de Recuperación Xunta-Estado con axudas directas para familias, persoas autónomas e empresas afectadas, a posta en marcha dun Plan de Emprego Verde para restaurar as áreas queimadas e unha moratoria inmediata para as novas plantacións de eucalipto.
Ademais, o BNG reclama duplicar os fondos de prevención, reforzar e profesionalizar os servizos contra incendios —incluíndo 70 brigadas móbiles—, revisar as competencias en materia de limpeza de biomasa e impulsar un novo modelo de monte multifuncional. O texto tamén demanda responsabilidades políticas ao presidente Alfonso Rueda pola súa “xestión neglixente” e chama a apoiar as mobilizacións cidadás para reclamar axudas e a recuperación do rural.
A continuación, o pleno abordará a moción do PSdeG-PSOE sobre a loita contra o cambio climático. O edil Juan Alberto Rivera Franco asina unh texto no que se lembra que fenómenos extremos recentes —como a DANA de outubro, as vagas de calor ou os grandes lumes do verán— son consecuencia directa da emerxencia climática, que xa está a alterar o clima en todas as rexións do mundo. A moción subliña que en 2024 se rexistrou unha das temperaturas medias máis altas desde 1961 e que a xestión reactiva xa non abonda, senón que cómpre “apostar pola prevención, a restauración da paisaxe e a adaptación ao novo contexto climático”.
A moción do PSOE insiste en que o cambio climático representa unha “ameaza para a seguridade, a saúde e o benestar da cidadanía”, e reclama unha resposta unitaria baseada no coñecemento científico e no compromiso político. Os socialistas propoñen reforzar o papel das entidades locais como parte esencial na acción climática, no marco dun Pacto de Estado fronte á Emerxencia Climática que complemente a adhesión xa realizada polo Concello de San Sadurniño ao Pacto Europeo das Alcaldías e ao seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.