Thursday 02 de October de 2025

Seis lebres marcarán os ritmos de carreira nesta nova edición da C10, con tempos en meta de 37 a 55 minutos


Borja Costa, Lucas Prada, Lara Solsona, Cristina Alayón, Daniel Blanco e Gabriel Pizarro, repartidos en cinco grupos diferentes, axudaranlles ás e aos deportistas que participen na carreira en busca de marcas

Máis de 3.000 persoas xa están inscritas na carreira popular da C10 que terá lugar o vindeiro domingo 5 de outubro na Coruña. A proba, impulsada polo Concello e que este ano chega á súa XIX edición, está inmersa xa na súa conta atrás de cara á semana que vén.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, avanzou hoxe que a carreira contará coa participación de seis lebres que marcarán cinco ritmos de carreira diferenciados para as persoas que tomen parte na C10 co obxectivo de buscar marcas. Estas seis lebres serán Borja Costa, Lucas Prada, Lara Solsona, Cristina Alayón, Daniel Blanco e Gabriel Pizarro, atletas que correrán a C10 fóra de competición en canto á clasificación, mais que si levarán un dorsal e unha bandeira coa marca de tempo que van realizar.

Haberá cinco grupos: o de Borja Costa (37’, a 3’42”/km), o de Lucas Prada (40’, a 4’00”/km), o de Lara Solsona (45’, a 4’30”/km), o de Cristina Alayón (50’, a 5’00”/km) e o que dirixirán Daniel Blanco e Gabriel Pizarro (55’, a 5’30”/km).
“As lebres son fundamentais para axudar e acompañar as persoas que buscan cruzar a meta cumprindo un obxectivo. Cómpre agradecer a implicación e o compromiso de Borja, Lucas, Lara, Cristina, Daniel e Gabriel, porque persoas coma eles contribúen a facer aínda máis grande esta carreira”, valorou Vázquez, que tamén agradeceu o apoio da marca coruñesa The Cobardes nesta iniciativa.

O concelleiro lembrou que o prazo de inscrición na C10 segue aberto ata este domingo 28, último día para formalizar as solicitudes. A información completa está dispoñible na web de Carreiras Galegas.

Deja un comentario