Thursday 02 de October de 2025

A Pobra redobra esforzos e ofrece un cartel de primeira orde para as súas festas do Nazareno


· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o presidente da Comisión, José García, presentaron o programa, que se desenvolverá do 19 ao 22 de setembro

Tras un verán cheo de actividade, A Pobra despedirá a época estival co Nazareno, Festa de Interese Turístico de Galicia. A cita, unha das “insignias” do municipio, celebrarase do 19 e o 22 de setembro, ofrecendo ao público asistente música, actividades infantís, festa holi, a tradicional procesión Votiva das Mortallas e un grande espectáculo de fogos artificiais e acuáticos con drons. Así o avanzaron, esta mañá, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o presidente da Comisión de Festas do Nazareno, José García.

Durante a presentación, a concelleira animou á veciñanza “tanto da Pobra como doutros municipios a sumarse á gran festa do municipio, que funciona como punto de encontro e que é un evento cargado de tradición e historia”. Tanto a edil como o presidente da comisión coincidiron en sinalar o esforzo realizado “para seguir mellorando o cartel, ofrecendo alternativas para todas as franxas de idade”.

A programación arrincará o venres, 19 de setembro, coa música como gran protagonista. Ese día, ás 12.00 horas, terá lugar o lanzamento das bombas de palenque que anunciarán o comezo do evento. O arranque virá ao son do Grupo de Gaitas Xiada e da Banda de Música Municipal de Redondela. Estes últimos darán, así mesmo, dous concertos no xardín ás 13.00 e ás 20.00 horas. Ás 21.15 horas terá lugar o pregón oficial desde o balcón da Casa do Concello que, nesta ocasión, correrá a cargo da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra. Durante a súa intervención, a concelleira incidiu no “orgullo que supón contar cunha agrupación musical destas características e na que toman parte moitos mozos e mozas dispostos a sacrificar o seu tempo libre para traballar desde a Banda”. Ás 22.00 horas a música continuará da man das Cantareiras Arrincadeira e da A. C. Eiradela. Así mesmo, está prevista unha actuación de Monoulious DOP, un grupo noiés que suma xa unha década e media de traxectoria, e que subiron, ao longo do 2025, a multitude de escenarios de toda a xeografía galega. A xornada inaugural pecharase coa sesión de disco móbil de Disketoca.

Segundo día

O sábado, 20 de setembro, o comezo do Nazareno será ás 10.00 horas cun pasacalles marcado pola Banda de Música Unión Musical de Meaño, a Banda de Gaitas de Forcarei e o Grupo de Gaitas Xiada e O Son do Pote. Estas agrupacións farán varias actuacións ao longo do día e, ás 22.30 horas, está prevista unha gran verbena a cargo de América e G Face (Gabriel Fandiño), que aterrará na Pobra para presentar ‘Luna’ o seu último traballo. A noite pecharase coa sesión disco de Juanma López DJ.

Prato forte do Nazareno

O domingo, día 21, será un dos pratos fortes do Nazareno. Ese día, ás 10.00 horas, a Banda de Música Escuela Naval Militar de Marín, a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, a Banda de Gaitas Buxaina de Taragoña e o Grupo de Gaitas Xiada e O Son do Pote farán a súa entrada na vila. Ás 10.30 horas terá lugar a solemne e tradicional procesión Votiva das Mortallas. Trátase dunha marcha cunha gran tradición e moi coñecida porque as persoas participantes desfilan portando féretros baleiros en sinal de agradecemento ao Nazareno por ter evitado a morte ou axudado a superar unha enfermidade grave. Como explicou o presidente da Comisión, “é unha procesión única en España” e que reúne, ano tras ano, a milleiros de devotos. Ás 13.00 horas a música continuará cos concertos no xardín, na praza da Maura e García Martí, e ás 18.30 horas haberá un pasacalles do Grupo de Gaitas O Son do Pote. A Banda de Música Ateneo Musical da Pobra tomará a remuda, ás 20.00 horas, cunha actuación no xardín e, ás 21.00 horas, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos fará o propio na praza Alcalde Segundo Durán. O día pecharase coa actuación da orquestra Panorama (23.00 horas).

Xornada de peche

O programa pecharase o luns, día 22 de setembro, con pasacalles da Banda de Música de Moimenta, da Banda de Gaitas Os Chaneiros e da Banda de Gaitas Xiada e O Pote (10.30 horas). Así mesmo, os máis pequenos e pequenas poderán gozar dunha festa infantil (12.00 horas) e doutra holi, na que A Covecha se encherá de cor (16.30 horas). A música continuará a partir das 19.00 horas cun concerto da Banda de Música de Moimenta e, a partir das 21.00 horas, coa orquestra Combo Dominicano.

O peche do Nazareno chegará cun grande espectáculo de drons coordinado con fogos artificiais (00.15 horas).