
Os sábados 6 e 20 de setembro e o 4 de outubro, o Concello de Oleiros ofertará unha nova ruta guiada interpretativa de forma totalmente gratuíta polo paseo fluvial de Iñás e Nós.
As visitas terán lugar os sábados ás 17h, cun percorrido lineal de 2 km (ida e volta polo mesmo camiño) e unha duración aproximada de 1 hora e 30 minutos. Trátase dunha proposta accesible para todos os públicos xa que a dificultade da ruta é baixa.
Ao longo da visita, as persoas participantes poderán achegarse a antigos muíños de auga e de carbón, lavadoiros tradicionais e á memoria das xentes que traballaban nas súas beiras. Un paseo no que cultura e natureza se entrelazan para descubrir a historia dun regato que marcou a vida das parroquias de Nós e de Iñás.
Este paseo fluvial, inaugurado en xullo de 2024 e recoñecido coa distinción de sendeiro azul, configúrase tamén como un itinerario alternativo á N-VI para desprazarse con seguridade, a pé ou en bicicleta, entre os núcleos de Nós e Iñás e para acceder ás principais zonas comerciais da contorna. A senda representa un exemplo de mobilidade sostible e posta en valor do territorio, ao tempo que se converte nun espazo privilexiado para a convivencia cidadá e a promoción dunha vida activa e saudable en contacto coa natureza e a súa historia.
As persoas interesadas en participar poden facer a súa reserva na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/1aj-2KFggtr82N19JMJvP0FZJTBgLHc2t42GiPscpKIE/viewform?edit_requested=true