
Segundo o comprometido, o Concello de Neda convoca este venres, ás 12 horas, a reunión coa veciñanza afectada polos problemas de abastecemento de auga potable (falta de presión ou corte do subministro) rexistrados entre o 13 e o 16 de agosto en parte dos fogares do municipio. A cita terá lugar na Casa da Cultura.
No encontro, presidido polo alcalde de Neda, darase conta das causas do acontecido, informarase das accións levadas a cabo dende ese momento e das propostas presentadas por Viaqua, empresa que xestiona o servizo municipal, para evitar que a situación se repita. Finalmente, escoitaranse e tomarase nota das queixas e suxestións que formulen as persoas afectadas.