Paralelamente renderáselle tributo a Manuel Viqueira Vieites, intérprete e creador local. Os bares e locais da zona encheranse de música e diversión
Este próximo domingo, 3 de abril, Ordes acollerá o XXI Xantar Gaiteiro. Unha cita que se desenvolve por parte da Asociación Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes e da Asociación de Gaiteir@s de Galicia en colaboración co Concello de Ordes.
O dito encontro, no que participarán preto de 150 músicos e simpatizantes chegados de todos os recunchos da comunidade autónoma, servirá de homenaxe ao gaiteiro local Manuel Viqueira Vieites, finado en febreiro de 2015. Ás 11.45 horas está previsto un acto na casa da cultura no que se lembrará a súa obra e figura. Posteriormente, arredor das 13 horas, os bares da zona encheranse de festa, música e foliada con actuacións en directo por parte dos participantes desta xornada.
Tras isto terá lugar un gran xantar popular no restaurante El Túnel, no que se prevé unha sobremesa do máis animada na que o baile e a diversión están garantidas. Aquelas persoas que queiran participar neste encontro están a tempo de facer as súas reservas no mesmo restaurante ou ben a través dos teléfonos 986 847 074 ou no 982 229 966.