Thursday 02 de October de 2025

O Concello retoma os programas de monitorado de Madruga e Comedor na súa aposta pola conciliación das familias


· Ambas as prestacións estarán dispoñibles desde o luns, 8 de setembro, e ata o mes de xuño

A Concellería de Igualdade reafirma, un ano máis, a súa aposta pola conciliación familiar dos veciños e veciñas do municipio co próximo lanzamento e inicio dos servizos de monitorado de Madruga e Comedor. Ambas prestacións estarán dispoñibles desde o luns, 8 de setembro, e ata o mes de xuño.

As persoas interesadas en facer uso de calquera dos programas deberán anotarse previamente entregando a ficha de inscrición cuberta e asinada con dous días hábiles de antelación ao inicio do servizo. Deste xeito, se unha familia precisa destes programas o primeiro día do curso escolar 2025-2026, deberá entregar a documentación, como máximo, o mércores, 3 de setembro. A solicitude estará dispoñible ao longo de todo o curso pero esta deberá facerse, en todo caso, con dous días hábiles de antelación.

A documentación poderá entregarse a través da sede electrónica (instancia xeral), de forma presencial no servizo de Igualdade e, ao longo do período lectivo, ao monitorado do Madruga e Comedor. A inscrición poderá realizarse tanto por mes natural completo como por medio mes, días soltos ou por días esporádicos.

O Concello mantén os mesmos prezos que en convocatorias anteriores, aplicándose un desconto do 50% para segundos irmás e unha bonificación do 100% para o terceiro fillo/a. As tarifas serán as seguintes:

No mes de setembro e xuño:

– 8,40 euros por mes completo cunha hora de atención ao día.

– 11,20 euros por mes completo con máis dunha hora de atención ao día.

No resto de meses do curso escolar:

– 12 euros por mes completo cunha hora de atención ao día.

– 16 euros por mes completo con máis dunha hora de atención ao día.

– 8 horas por atención de dúas semanas e unha hora de atención ao día.

– 12 euros por dúas semanas con máis dunha hora de atención ao día.

Para días soltos e puntuais, as tarifas serán de 2 euros por unha hora de atención e 2,5 euros por máis dunha hora de atención.

As persoas interesadas poderán chamar ao 981 832 764 (extensión 6) ou escribir un correo electrónico a igualdade@apobra.gal.