
O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo reclama que a concelleira de Réxime Interior abandone de inmediato as súas responsabilidades no goberno local, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulase a sanción imposta ao xefe de obras municipal por considerala ilegal e carente das garantías fundamentais.
Segundo o BNG, esta resolución xudicial confirma as advertencias feitas en pleno municipal e pola propia Secretaria do Concello, que xa advertira da posíbel ilegalidade do expediente. A sanción tiña a súa orixe nunha “trifulca” cun asesor do alcalde, mais os testemuños principais foron achegados por asesores e persoas vinculadas a empresas investigadas polo Consello de Contas por pagos irregulares.
A raíz deste caso, a concelleira de Réxime Interior xa fora reprobada pola Corporación municipal a instancias dunha iniciativa presentada polo BNG.
Desde o BNG de Culleredo subliñamos que non se trata de vinganzas políticas, senón de principios básicos de legalidade, transparencia e respecto institucional, pois non pode seguir tomando decisións unha persoa cuxo nome aparece vinculado a un proceso que a xustiza declarou nulo.
O BNG comprométese a continuar traballando para que se depuren responsabilidades, para que ningún cargo público se sitúe por riba da lei e para que a veciñanza recupere a confianza no noso Concello.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.