Thursday 02 de October de 2025

O presidente da Ría da Estrela analiza co alcalde e tenente de alcalde de Noia o estado de desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino da Ría de Muros Noia


Luís Oujo agradeceu ao Equipo de Goberno de Noia a cesión da casa do concello noiesa para acoller as reunións de traballo da ARD Ría da Estrela, como a que celebrarán mañá técnicos de ambas entidades

O presidente da Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Noia, Francisco Pérez, e o tenente de alcalde, Manuel Seijas, para analizar o grao de desenvolvemento das actuacións do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Ría de Muros Noia.

Luís Oujo explica que “o obxecto da reunión foi analizar o bo ritmo das obras actuacións recollidas no PSTD, xa que son executadas polo Concello de Noia. Unhas actuacións que buscan poñer en valor os recursos e os atractivos da zona e facer da Ría da Estrela un destino turístico competitivo, axudándonos tamén a fomentar novos produtos que axuden a desestacionalizar e diferenciar a nosa oferta turística”.

O PSTD da Ría de Muros Noia contempla actuacións por un importe de 2,3 millóns de euros, financiados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU. Un plan que contempla catro eixos de acción: transición verde e sostible, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Luís Oujo analizou con Francisco Pérez e Manuel Seijas as actuacións previstas na senda litoral da Ría da Estrela, onde xa están finalizadas as obras en Muros, as de Outes están a piques de finalizar e as de Porto do Son iniciaranse en próximas datas. O PSTD da Ría de Muros Noia tamén inclúe as obras de restauración ambiental e paisaxística duns tramos do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, a adecuación da contorna da Chaínza, a dixitalización da información no xeodestino, entre outras actuacións.

Tras esta primeira toma de contacto hoxe en Porto do Son, mañá xoves terá lugar unha segunda reunión na casa consistorial de Noia durante a que os técnicos de ambas as dúas entidades analizarán o nivel de desenvolvemento do PSTD. Un feito que Oujo aproveitou para agradecerlles ao alcalde e tenente de alcalde de Noia que “permitiran celebrar todos os encontros da ARD e da Asociación de Concellos do Camiño na Casa do Concello de Noia xa que por unha cuestión de centralidade e desprazamento é o que máis facilita a participación dos cinco municipios da Ría da Estrela”.

Deja un comentario