Thursday 02 de October de 2025

Adxudicadas as obras do novo Santa Lucía, que arrincarán antes de finais de ano cun investimento de 9,6 millóns de euros


A Xunta de Goberno Local aprobou a asignación dos traballos á Constructora San José, que será a encargada de rehabilitar o antigo mercado e construír o novo centro de saúde e o centro cívico

O Concello destinará 3,1 millóns a reforzar a frota de vehículos da recollida do lixo, e outros 720.000 euros para a construción da nova beirarrúa entre o núcleo de Feáns e o cemiterio

A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá da adxudicación na Xunta de Goberno Local das obras para rehabilitar o antigo mercado de Santa Lucía, que asumirá a Constructora San José co obxectivo de remodelar o edificio para que acolla o novo centro de saúde da Falperra e tamén espazos de usos múltiples, como un centro cívico.

Os traballos, que arrincarán antes de finais de ano, terán un prazo de execución de 15 meses. Cómpre lembrar que, cando as obras saíron a concurso, estipulouse un prazo de 18. Neste sentido, un dos aspectos que máis valorou a Mesa de Contratación é que a adxudicataria se comprometeu a reducir o prazo final de execución en tres meses. Ademais, tamén se tivo en conta o prazo de garantía das obras. A oferta presentada por San José increméntaa en dous anos por riba do mínimo establecidos nos pregos, “o que nos dará máis seguridade en termos de hipotéticas incidencias”, indicou Rey.

O investimento final será de 9,6 millóns de euros, cofinanciados con fondos PIREP captados polo Concello e, ademais, tamén co apoio económico da Xunta, á que a rexedora lle agradeceu “a colaboración e boa predisposición amosadas para sentarmos na mesma mesa e que, desta forma, poidamos dar resposta a unha das principais demandas do barrio da Falperra xa desde hai máis dunha década”.

Un investimento de 3,1 millóns para reforzar a frota de recollida do lixo

A adxudicación das obras de Santa Lucía foi un dos puntos máis destacados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que tivo lugar este mércores, na que tamén se deu luz verde á saída a concurso do contrato para sumar nove novos vehículos que reforzarán a frota do servizo de recollida de residuos.

Tal e como precisou a alcaldesa, o Concello levará a cabo un investimento de 3,1 millóns para adquirilos e poñer en servizo estes novos vehículos a partir do ano 2026.
Os camións estarán configurados para facilitar a recollida separada do lixo e tamén para o transporte de biorresiduos. Ademais, estarán impulsados por combustibles respectuosos co medio ambiente, xa que os pregos danlle prioridade á contratación de vehículos híbridos, eléctricos ou de GNC.

O Plan de Barrios 2025-27 avanza con novos investimentos en Feáns

Ademais, este mércores deuse un paso máis no cumprimento da folla de ruta que ten prevista o Goberno de Inés Rey ao abeiro do Plan de barrios 2025-27, “que comezamos a lle expoñer onte á veciñanza, explicando distrito a distrito as intervencións previstas en cada zona e tamén escoitando as posibles achegas e suxestións das persoas residentes”, detallou a alcaldesa. Se o primeiro dos encontros se realizou este martes nos Mallos, hoxe será a quenda do Castrillón.

Neste sentido, e seguindo co que é o conxunto das actuacións do Plan de barrios, hoxe deuse un paso clave para concretar unha das principais demandas da veciñanza de Feáns e a súa contorna: a adxudicación das obras de construción da nova beirarrúa que permitirá chegar desde o núcleo de Feáns ao cemiterio.
Rey lembrou a importancia desta intervención tanto para as veciñas e veciños de Feáns como da súa contorna. Ao cemiterio é factible chegar no autobús urbano ou vehículo particular, mais, a día de hoxe, ir camiñando desde a saída do núcleo de Feáns en dirección ao cemiterio só é posible facéndoo pola beirarrúa.

Agora, ademais de gañarse espazos peonís, tamén se reforzará a seguridade viaria, delimitando un percorrido específico para as persoas viandantes.
“Desde que se poñan en marcha os traballos, a nosa previsión é que se executen en catro meses, aproveitando a marxe dereita da calzada en dirección ao cemiterio. O investimento previsto polo Concello é de 720.000 euros”, concretou a alcaldesa.
Nas tres últimas Xuntas de Goberno o Concello adxudicou ou licitou obras dentro do Plan de Barrios por valor de máis de 21 millóns de euros.

Deja un comentario