Thursday 02 de October de 2025

O Festival Intercentros 2026 terá a Dano Cerebral A Coruña e BoanoiTE como entidades beneficiarias


O certame celebrarase no Coliseum no mes de marzo

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, participou esta mañá no acto de presentación do XXIV Festival Intercentros, que se celebrará no Coliseum no mes de marzo, nunha data que se anunciará máis adiante. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a amosar o noso incontestable apoio a unha iniciativa solidaria que amosa ao mundo a unión do noso tecido educativo, desde o ámbito da cultura e da creatividade cara aos máis necesitados”, indicou o concelleiro.

No acto tamén participaron Rodrigo Hidalgo, organizador do certame, Sara Alvar, da asociación BoanoiTE, e Juan Luis Delgado, da asociación Dano Cerebral A Coruña. Estas dúas últimas entidades serán as beneficiarias desta gala solidaria. O obxectivo do Festival Intercentros é invitar a compartir o apoio de todo o público asistente ás dúas entidades mencionadas mediante a recadación da propia gala, e a aportación de alimentos que tamén se leva a cabo na mesma.

Borrego subliñou a súa satisfacción por seguir apoiando desde o Goberno de Inés Rey un evento que xunta o talento de mozos e mozas coa solidariedade. “É magnífico ver cada ano a tanta xente aplaudir o esforzo dos músicos e bailaríns que levan traballando todo o curso co seu profesorado, e facendo visibles ás asociacións que na nosa cidade se involucran cada día cos máis necesitados”, destacou Borrego, quen animou a toda a cidadanía a asistir á vindeira edición.

Deja un comentario