
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visita o centro para coñecer esta experiencia piloto para a FP Básica de Peiteado e Estética e que conta con 18 alumnos
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Instituto Agra de Leborís da Laracha para coñecer a súa aula nómade, unha proposta experimental que se pon este curso en marcha neste centro larachés e no Instituto Plurilingüe de Ames para o ciclo de FP Básica de Peiteado e Estética.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP achegouse ata este centro educativo para visitar esta nova iniciativa do Goberno galego e intercambiar opinións ao respecto cos 18 alumnos que estrean este módulo totalmente equipado para recibir formación en peiteado. “Son unha novidade e un programa pioneiro da Formación Profesional galega que dá novas oportunidades aos estudantes en todo o territorio”, sinalou Eugenia Pérez.
Este modelo de aulas nómade a través de proxectos de FP de carácter itinerante e flexible está dotado con todos os recursos para garantir unha formación práctica de calidade. Estas aulas están configuradas para permanecer nun centro durante unha ou dúas promocións ou ben cubrir necesidades puntuais dos centros. Esta experiencia piloto arranca por primeira vez este ano con estas dúas instalacións, converténdose tamén nun exemplo de sistema circular, xa que foi deseñado por profesorado e alumnado de Formación Profesional do Centro Integrado de FP As Mercedes de Lugo.
Neste sentido, a Xunta de Galicia traballa na mellora constante dunha Formación Profesional galega de calidade, prestixio e empregabilidade. Para iso, o Goberno autonómico aposta continuamente polo impulso destas ensinanzas con propostas novidosas cada ano.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.