Thursday 02 de October de 2025

O BNG apoia ás familias de Ribeira e esixe máis profesorado para os colexios públicos


Os nacionalistas advirten que a falta de docentes lastra o inicio de curso e piden solucións inmediatas

O Bloque Nacionalista Galego continuará apoiando á comunidade escolar de Ribeira e reclamando que a Xunta de Galiza dote os centros de ensino público do profesorado necesario para garantir unha atención axeitada a todo o alumnado. Faino logo de que o conselleiro de Educación se negase a recoñecer que hai problemas en moitos centros públicos e que esa falta de profesorado deteriora a calidade educativa dos nenos e nenas, especialmente aqueles que teñen máis dificultades.

Este martes, unha representación da ANPA do CEIP O Grupo, acompañada da concelleira de Educación de Ribeira, Cruz Rivadulla, estivo no Parlamento galego coincidindo coa comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o inicio do curso escolar. A situación que atravesa o colexio do Grupo é especialmente grave, ao carecer nun curso de terceiro de Primaria de titor ou titora, o que obriga a repartir a docencia entre profesorado doutros niveis en detrimento do funcionamento normal do colexio.

Durante a sesión, as nais amosaron a súa indignación polas declaracións do conselleiro, que acusou ás ANPAS de estaren “manipuladas” por partidos políticos. A realidade é que as familias e o alcalde levan tempo pedindo diálogo e mesmo solicitaron reunións co titular da Consellaría, ás que nunca obtiveron resposta.

A deputada do BNG lembrou no debate parlamentario que non se trata dun caso illado, senón que existen escolas e institutos en máis de 50 concellos de Galiza con problemas semellantes, como os de Ribeira, afectados pola falta de profesorado e polo deficiente mantemento das instalacións. Tamén reclamou máis medios para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais, especialmente no concello de Ribeira, onde a situación é particularmente urxente.

A concelleira ribeirense Cruz Rivadulla asegurou que o BNG defende unha educación pública de calidade, inclusiva e con ratios adaptadas á diversidade do alumnado. “Non é admisible que mentres a Xunta destina 350 millóns de euros a financiar a educación privada, os colexios públicos funcionen con carencias de profesorado que prexudican directamente ao alumnado”, subliñou.

Ante todo isto, o Bloque comprométese a seguir acompañando ás familias, ás ANPAS e á comunidade educativa de Ribeira na defensa dun ensino público forte, con recursos suficientes e capaz de garantir igualdade de oportunidades para todos e todas.

Deja un comentario