
A sesión, de acceso libre, celebrarase este venres 26 de setembro ás 19.00h no Centro de Promoción Social de San Valentín
O encontro enmárcase no proxecto de cooperación “Redenerxía”, do programa Leader 2023-2027, que busca impulsar un modelo enerxético máis sostible e participativo
O Concello de Fene, en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Seitura 22, organiza unha charla informativa sobre comunidades enerxéticas no marco do proxecto de cooperación “Redenerxía”, financiado polo programa Leader 2023-2027.
A sesión terá lugar este venres, 26 de setembro, ás 19:00h no Centro de Promoción Social de San Valentín, e está dirixida a toda a poboación, pequenas e medianas empresas e asociacións do municipio. O obxectivo é achegar á veciñanza o concepto das comunidades enerxéticas, explicar as súas vantaxes e informar dos pasos necesarios para a súa posta en marcha.
Durante a charla abordaranse temas como as oportunidades para a explotación dos recursos locais, os beneficios económicos e ambientais que achega este modelo e o potencial de aforro que pode xerar para os fogares e empresas.
A concelleira de medio ambiente, Cristina García, animou á veciñanza a participar: “Estamos nun momento no que a transición enerxética é unha prioridade. As comunidades enerxéticas son unha ferramenta clave para xerar aforro, reducir emisións e avanzar cara a un concello máis sostible. Queremos que a xente coñeza esta oportunidade e participe activamente”.
O proxecto “Redenerxía” ten como meta fomentar un modelo enerxético máis xusto, eficiente e participativo en toda a comarca, facendo partícipes ás persoas e ao tecido económico local na xeración e xestión da súa propia enerxía.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.