
O Concello de Ribeira continúa avanzando para mellorar a sustentabilidade e reducir as emisións contaminantes mediante actuacións en materia de eficiencia enerxética.
En total, nos últimos meses investíronse 357.000 euros en distintas accións, entre as que destacan a instalación de paneis solares en edificios municipais e a renovación integral do alumeado en varias instalacións deportivas.
O alcalde, Luís Pérez Barral, explicou que este tipo de proxectos forman parte dunha estratexia global do Goberno local que busca facer de Ribeira un concello máis respectuoso co medio natural ao tempo que reduce custos na factura eléctrica municipal. “Estamos a demostrar que a aposta polas enerxías renovables non é só un compromiso ambiental, senón tamén unha medida de aforro e de xestión responsable dos recursos públicos. Os cartos que conseguimos aforrar na luz poderemos destinalos a mellorar servizos básicos ou a manter en mellores condicións as nosas instalacións municipais”, destacou o rexedor.
Novos paneis solares en catro edificios municipais
Tras o investimento realizado no ano 2024, que superou os 260.000 euros e permitiu instalar paneis solares no Auditorio Municipal, no Complexo Deportivo da Fieiteira e na sede da Unidade de Condutas Aditivas en Coroso, este ano déronse novos pasos. Hoxe remátase coa instalación doutros sistemas de enerxía fotovoltaica no Oficina de Información e Turismo, Policía Local, Centro de Raqueta e Conservatorio Municipal, cun investimento adicional de 45.000 euros.
Segundo Pérez Barral con estas medidas Ribeira convértese nun concello referente no aproveitamento das enerxías renovables. Pérez Barral concluíu a presentación subliñando que estes investimentos non son feitos illados, senón parte dun camiño que Ribeira seguirá nos vindeiros anos:
“O futuro pasa pola eficiencia enerxética e polas enerxías renovables. O noso deber como administración é anticiparnos, liderar e demostrar que é posible combinar progreso, aforro económico e respecto polo medio ambiente”.
Renovación do alumeado deportivo
No eido deportivo, a mellora tamén é evidente. Dende finais de 2023 púxose en marcha un plan de renovación da iluminación das instalacións deportivas municipais, co obxectivo de mellorar a calidade lumínica e garantir un uso máis eficiente da enerxía.
O concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, lembrou que se actuou xa nos campos da Tasca (Aguiño) e da Fieiteira, e que este ano se completaron intervencións no Centro de Raqueta de Coroso, no campo da Guía (Carreira) e no campo de Oleiros. Estas actuacións supuxeron un investimento de 70.000 euros.
Vidal subliñou que estas melloras significan un salto cualitativo xa que “falamos dun antes e un despois na calidade da iluminación. Os usuarios destas instalacións xa están a notar a diferenza: temos espazos mellor iluminados, máis seguros, e cun importante aforro enerxético”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.